Medallas olímpicas galegas

Galicia acadou nas Olimpiadas de Tokio catro medallas en probas non colectivas (dúas pratas-unha delas con dous agasallados- e dous bronces).

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 08/08/2021

Comparte esta noticia

Se lle engadimos a nosa participación nas medallas do balonmán e fútbol as nosas deportistas remataron a nosa mellor participación nacional nuns Xogos Olímpicos, só comparábel coas catro medallas individuais (dúas de ouro) da capital chinesa de Beijing no 2008.

A selección coa bandeira galega na estrea no 2005 en San Lázaro.
A selección coa bandeira galega na estrea no 2005 en San Lázaro.

Mais aí rematan as semellanzas. Porque a xestión do deporte galego, o traballo da Xunta de Galicia  a prol de resultados no deporte de elite, o labor no deporte femenino e no deporte para todos non ten comparanza ningunha co intelixente e axeitado traballo desenvolvido entre 2005 e 2009 pola Administración deportiva galega durante o goberno de coalición BNG-PSdeG. Daquela a conselleira nacionalista Anxela Bugallo e os directores xerais Santi Domínguez e Marta Souto estruturaron e desenvolveron o concepto “deporte galego”, antes inexistente ou reducido ás nosas equipas de fútbol e basket profesionais, promovendo aos nosos deportistas de elite (cómpre lembrar, nomeadamente os casos do piragüismo, vela e triathlon) e dándolle un amplísimo pulo ao deporte feminino, coa colaboración do vicepresidente Anxo Quintana e da secretaria xeral Carme Adán.  Foron tamén os anos da recreación da nosa selección nacional de fútbol e da promoción dunha equipa profesional de ciclismo, canda o pulo e acompañamento constante do deporte paralímpico.

O Goberno Feijóo ( case sempre con José Ramón Lete á fronte da Administración deportiva galega)  seguiu unha estratexia liquidacionista do labor desenvolvida polo BNG no deporte galego, como en tantos outros eidos. Abandonouse o Centro de Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra e priorizouse na política de promoción das Federacións Deportivas Galegas a docilidade política. Ignorouse, tamén, o que tiña de ser o noso think tank deportivo, a Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte da UDC.  

Malia esta política deportiva da prevención e sospeita políticas, da pasividade e do desleixo a sociedade civil  galega, as redes sociais, a prensa dixital e en papel e máis a  Radio Galega e a TVG souberon priorizar o feito deportivo galego nestas Olimpíadas. E este feito, inédito e  histórico, conecta coa idea da existencia dun País de noso e, sobre todo, conecta coa idea da existencia dun deporte galego.

Peleteiro, Portela, Nico Rodríguez, Arévalo, Germade; Corrales e Villar…moitas grazas por tanto que nos destes e polo que habedes dar no futuro.   

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.