Falece un veciño de Pontecesures tras saírse o seu vehículo da vía e chocar cun poste eléctrico en Valga

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/08/2021 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

Unha persoa faleceu esta tarde en Valga (Pontevedra) ao saírse o vehículo que conducía da N-550 e chocar cun poste do tendido eléctrico. O falecido, de 57 anos, era veciño de Pontecesures.

Ambulancia do 061
Ambulancia do 061 | Fonte: 061-GALICIA - Arquivo.

Tal e como informaron o 112 Galicia e a Garda Civil, o accidente, que se saldou coa vida do único ocupante do coche, tivo lugar á primeira hora da tarde á altura do punto quilométrico 87 da N-550.

Un particular informou do sucedido, ao fío das 15:00 horas, ao 112 e indicou que unha persoa quedara atrapada no interior dun turismo despois de saírse da vía e chocar contra un poste da iluminación pública.

De inmediato, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou a un helicóptero medicalizado con base en Santiago.

Unha vez no lugar, os profesionais do servizo de urxencias médicas soamente puideron confirmar o falecemento do condutor. Ante a dificultade de sacar á persoa do interior do vehículo, foron avisados os Bombeiros do Salnés e os membros do GES de Padrón, que, finalmente, empregaron o material de excarceración para liberar a vítima.

Ademais, para restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o 112 pasouse aviso aos axentes da Garda Civil de Tráfico, dos efectivos de Protección Civil de Valga e do servizo de mantemento da estrada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta