Novagalicia Banco, a Nova Economía e Madrid

Coa venda de Novagalicia Banco ao grupo de orixe venezolana Banesco, péchase polo momento un capítulo negro na historia do sector financeiro galego que case remata coa desaparición do mesmo, canto menos no referido á permanencia no país dos centros de decisión de entidades bancarias cun certo peso.

Por Manuel González L. | Compostela | 09/01/2014

Comparte esta noticia
Logo da absorción do emblemático Banco Pastor polo Banco Popular, e do Banco Gallego polo Banco Sabadell, o noutrora ben nutrido sector bancario galego corría o risco de desaparecer como tal e convertirse nunha mera franquicia de oficinas espalladas polo territorio. Por iso hai un certo consenso en catalagor á resultante do proceso de venda de Novagalicia Banco como un mal menor, dentro das solucións posibles e deixando a un lado as discutibles liñas mestras que marcaron a reestruturación financeira en Europa e en España. Aínda así, agora debemos agardar a que se faga efectiva a permanencia dos servizos centrais en Galicia e que por tanto a nova dirección non se deixe levar polos cantos de serea que sen dúbida lle virán dende Madrid, onde xa ten a sede o Holding de Juan Carlos Escotet. Non en vano, e tampouco por casualidade, a capital do reino foi a grande gañadora do dramático proceso de reestruturación da banca española de tal forma que máis do 65% dos bancos que operan en España teñen agora a súa sede na capital, con todo o que iso implica. Só Catalunya, a moita distancia, e en moita menor medida Euskadi (e non polo BBVA), manteñen certa capacidade financeira. Ao igual que noutros sectores, Madrid concentra non só os centros de decisión senón as ricas economías que estes crean, atendendo dende alí a boa parte dos territorios do Estado sen necesidade de existir máis que meras delegacións nos mesmos. A estrutura económica da capital madrileña está cada vez máis dominada por empresas de servizos intensivos en coñecemento e de alta cualificación.
 
Evidentemente é a propia lóxica do mercado a que incide na concentración destas actividades e dos empregos de alta cualificación nas grandes capitais a nivel internacional, pero hai que subliñar que no caso español a man da política está moi presente, comezando polo propio deseño radial das comunicacións no Estado e seguindo pola centralización dos antigos monopolios públicos en Madrid. Sexa como for, o futuro da economía galega vai depender en grande medida da capacidade de manter e crear espazos para eses novos servizos e nichos de emprego o que pasa por reducir a dependencia respecto a capital madrileña, tamén neste eido. Por iso resulta fundamental manter os servizos centrais de Novagalicia Banco na Coruña e en Vigo, pois dese xeito tamén se manterán as economías externas que crean no país e que van dende servizos de I+D+i, publicidade, a servizos informáticos e a moitos outros. Trátase de ser capaces de impulsar estratos de emprego que marcan e seguirán a marcar o futuro das economías desenvolvidas. Nese contexto non resulta tan relevante onde se sitúa o propietario último do capital, o importante é onde se sitúa o capital humano que desenvolve as accións chave para a empresa. Sexamos conscientes diso, se non queremos acelerar, aínda máis, a saída inxente de mozos e mozas ben preparadas dende Galicia, habitualmente cara Madrid. 
 
(*) Coda: Dados recentemente publicados polo Axencia Tributaria indican que en 2012 abandonaron Galicia 1.278 traballadores máis dos que chegaron. A terceira autonomía co saldo máis negativo, logo de Andalucía e Castela e León. Case un 40% dos que traballadores que saíron de Galicia tiñan como destino Madrid. 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel González López Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.