Tes unha idea empresarial relacionada coa Covid? Coñece as axudas 'Conecta Covid'

Esta convocatoria financia ata o 80% dos proxectos de I+D sobre o coronavirus.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2021 | Actualizada ás 20:10

Comparte esta noticia

O 'hub' de innovación dixital 'DATAlife' colabora coa Axencia Galega de Innovación na convocatoria e xestión do programa de axudas 'Conecta Covid'. Esta iniciativa pública, cun financiamento de ata o 80% de cada idea empresarial, serve para seguir explorando e avanzar no desenvolvemento e posta en marcha de proxectos de I+D relacionados coa pandemia da covid.

Ao mesmo tempo, busca apoiar a transición dixital do tecido produtivo de Galicia, especialmente das pemes. 'DATAlife', que preside Pablo Álvarez Freire, tamén director xeneral adxunto de Grupo Zendal, convida e anima a participar ás pemes de Galicia que xa estean a desenvolver solucións contra a covid e futuras pandemias.

"En DATAlife, que traballa na dixitalización das pemes vinculadas ás ciencias da vida, colaboramos con GAIN nesta iniciativa para reforzar a innovación en Galicia e buscar solucións que axuden a combater a covid", destaca. "É unha oportunidade para avanzar na dixitalización do ecosistema empresarial", incide.

O PROGRAMA

'Conecta Covid' conta cun orzamento de 4 millóns de euros, susceptible de financiamento no marco do programa operativo FEDER-Galicia 2014-2020, dentro do eixo 'REACT-UE' como parte da resposta da Unión Europea á pandemia. O programa contará con dúas liñas de actuación: unha destinada a proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental relacionados coa covid e outra de iniciativas de innovación en produtos, vinculada tamén ao coronavirus.

Os proxectos, que deberán desenvolverse en Galicia, poderán articularse de forma individual ou a través de agrupacións empresariais --de dúas a seis entidades--. As empresas interesadas terán de prazo ata o 13 de agosto para presentar os seus proxectos, que de maneira excepcional poderán comezar antes de presentar a solicitude.

Exemplos de proxectos que poderían recibir financiamento son os orientados á investigación sobre vacinas, medicamentos, tratamentos, produtos sanitarios, desinfectantes, equipos hospitalarios e médicos, roupa ou equipos de protección, así como innovacións de procesos para unha produción eficiente e mellor manexo da información.

Máscaras contra a Covid. Jesús Hellín - Europa Press
Máscaras contra a Covid. Jesús Hellín - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta