Exame de acceso á nacionalidade española, un filtro para frear a inmigración?

O goberno de Mariano Rajoy estableceu unha proba de aptitudes e coñecementos para as persoas inmigrantes que quixesen ter a nacionalidade española. Queríase observar o grao de “coñecementos” dos inmigrantes sobre España e do español segundo as autoridades, mentres colectivos de persoas estranxeiras así como organizacións a favor dos dereitos das persoas migrantes vían un filtro para impedir o asentamento de cidadáns non españois.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 18/08/2021 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

O ano 2015 veu aparecer o real decreto sobre Nacionalidad Española por Residencia. O decreto establecía uns pasos previos para ter a nacionalidade española logo de 10 anos de residencia legal no Estado. O obxectivo é dar a nacionalidade a quen posúa coñecementos considerados básicos sobre España, as súas institucións, historia, leis e para as persoas non castelán-falantes, hai que facer unha proba de idioma. As probas son Conocimientos  Constitucionales y Socioculturales (CCSE) e DELE A2 o Superior para o exame de lingua española. As probas do mes de maio de 2021 deron un 96% de aptos, 9.617 persoas. Durante as primeiras cinco convocatorias de 2021 o total de persoas inscritas para as probas superou as 53.000 e a media de aptos foi dun 96.6%.

Feijóo saúda a uns inmigrantes subsaharianos en Vilagarcía durante a campaña electoral das xerais
Feijóo saúda a uns inmigrantes subsaharianos en Vilagarcía durante a campaña electoral das xerais

REALIZACIÓN DAS PROBAS

En Galicia existen catro centros para a obtención do CCSE, dous na Coruña e dous en Santiago e para o exame DELE hai un total de seis centros, ningún deles nas provincias de Ourense e Lugo. Para as probas CCSE os cuestionarios son de 25 preguntas cunha única resposta correcta e a cualificación de apto outórgase se se contestan correctamente 15 preguntas.

“Para o CCSE hai un número importante de latinoamericanos aínda que tamén abundan magrebís e xente de Europa do Leste” di Ramón Clavijo, da Academia Iria Flavia, un dos centros que realiza estas probas en Compostela. O outro centro na capital galega é a Universidade de Santiago na súa Facultade de Filoloxía. Na Coruña están a  Fundación E.U. RRLL A Coruña-ERLAC e  True Spanish Experience-Cesuga.

Os resultados das probas só son coñecidos polas persoas que realizaron o exame. Co seu enderezo electrónico e unha clave poden ver as súas cualificacións. “Hai uns tribunais que avalían as probas para o DELE, as persoas que os conforman son elixidos polo Instituto Cervantes”. As probas son elaboradas desde o Ministerio de Justicia.

pasaportes
pasaportes | Fonte: EP

“Hai persoas que teñen máis tempo ou que levan vivindo anos aquí, iso facilítalles o pase do exame de lingua” di Clavijo. Rubén e Marta son de Colombia e viven en Santiago, os dous pasaron recentemente o CCSE. “Foi polo traballo, se tes este documento e a nacionalidade faiche máis doado encontrar un emprego” sinala Rubén. “Nós fixemos o CCSE e polo menos eu non tiven problemas porque algúns temas xa os coñecía e á parte, os únicos cambios que hai dun exame a outro é que poden variar tres ou catro preguntas” explica Marta.

En caso de que esta parella ou un dos dous non superase a proba, tería unha segunda oportunidade: “O prezo da taxa son 85€, con eles tes dereito a dúas oportunidades” di Ramón Clavijo. Preguntado se hai algún segmento de idade dominante nas probas responde que “está moi repartido, no noso caso traballamos con grupos reducidos onde podes ver xente de 18 anos ou de máis de trinta”

É TODO COMO DIN AS AUTORIDADES?

Existen posturas opostas a este sistema que avalía os graos de coñecemento tanto sociais como lingüísticos das persoas inmigrantes. “É un sistema pensado para frear o acceso á nacionalidade” que pode resultar un obstáculo para “persoas con arraigo e que traballaron para superar as probas” din desde o Foro Galego da Inmigración.

“É un paso con compoñentes de discriminación cara as mulleres e homes inmigrantes” con anos de residencia en España. Desde esta asociación estiman que a infraestrutura arredor das probas mensuais (agás nos meses de setembro e decembro) supón unha dificultade engadida para quen busca a nacionalidade. “Moitas persoas teñen que desprazarse desde  moi lonxe dos lugares de exame”, como se indicou coa ausencia deste tipo de centros en Lugo e Ourense.

Máis elementos que o Foro ve como freos para o acceso á nacionalidade mediante CCSE e DEL está na dificultade para moitas nacionalidades o feito de falar ou coñecer o español. “Ao mellor podes levar catro ou cinco anos vivindo en España e poder defenderte, mais no momento do exame son necesarias unhas nocións básicas de gramática”.

Por outra parte, existe a sensación de que os convenios entre centros privados de idiomas e o Instituto Cervantes para a celebración dos exames supón un beneficio para as entidades privadas e públicas. A base para este razoamento está nas taxas dos exames que poden supor uns ingresos nada despreciables.  “Entendemos que debera ser un exame público e que non complicase a vida das persoas mediante desprazamentos por longas distancias” apuntan desde o Foro que tamén lembran a falta da posibilidade dun exame online.

O exame para Nacionalidad Española por Residencia naceu, segundo algúns, para reducir o fluxo migratorio mediante unha proba de coñecementos. Outras voces apuntaban á necesidade de que a poboación inmigrante acreditase nunha proba o seu grao de “integración” no conxunto social do Estado. En tal caso, e a pesar das protestas que se presentaron no seu  momento contra esta proba, o feito é que segue vixente e non hai intención de retirala polo de agora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Cun 96,6% de aptos non parece demasiado discriminatoria !