O comité de Alcoa prepara as propostas para tentar "desbloquear" a situación e "continuar coa venda"

"Se a empresa non gaña diñeiro é porque non quere", afirma o presidente do comité, José Antonio Zan.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 11/08/2021 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

O presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan, sinalou que se atopan preparando as propostas que porán "en común co Goberno e a Xunta" co fin de "desbloquear a situación" e continuar coa venda da factoría.

O Presidente do Comité de Empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan (CCOO)
O Presidente do Comité de Empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan (CCOO) | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Estas estarán preparadas antes do próximo día 20 de agosto, puntualizou o sindicalista de Comisións Obreiras, data que cadra cos "15 días de paz social" que expuxera o comité para fixar unha postura común coa Xunta e o Goberno de cara a lograr a venda da planta antes do 30 de setembro.

Zan defendeu que a multinacional non gaña diñeiro coa factoría de San Cibrao é "porque non quere", dado que a factoría segue producindo "ao mesmo ritmo" de 2019, "que é cando a empresa baixou a produción nun once por cento".

"Se non gaña diñeiro é porque non quere. Se arrincasen as cubas que están paradas seguramente gañarían máis diñeiro", considerou, dado que "está claro que a produción de aluminio é rendible a nivel mundial.

"Tamén é verdade que necesitamos que o marco enerxético sexa estable e garanta uns prezos competitivos. Meter enerxías de custo máis reducido, pero iso tanto para nós como para o resto de cidadáns", destacou.

José Antonio Zan lembrou que Alcoa leva 15 anos traballando sen un marco enerxético e un proxecto enerxético e que o principal inconveniente e dificultade coa que se atopa a planta da Mariña "é o prezo do megawatt á hora de comprarse por xunto".

O presidente do comité de empresa calculou que producen "ao redor das 19.000 toneladas" de aluminio mensuais, "pouco máis de 200.000 toneladas ao ano", mentres que antes producían 232.000 toneladas e 1.600.000 toneladas de alúmina anuais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta