A Deputación de Pontevedra traslada o agradecemento da provincia aos seus olímpicos

Carmela Silva asegura que "unha sociedade que queira construír un bo futuro para a súa xente ten que recoñecer aos mellores dos seus".

Por E.P. | Pontevedra | 12/08/2021 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra brindou este xoves unha recepción no Palacete das Mendoza aos deportistas da provincia de Pontevedra que participaron nos Xogos Olímpicos de Tokio: Teresa Portela (medalla de prata en piragüismo), Nico Rodríguez (bronce en vela), Rodrigo Corrales, (bronce en balonmán), Antía Jácome (diploma en piragüismo) e Támara Echegoyen (diploma en vela).

A Deputación de Pontevedra traslada o agradecemento da provincia aos seus deportistas olímpicos
A Deputación de Pontevedra traslada o agradecemento da provincia aos seus deportistas olímpicos | Fonte: Deputación de Pontevedra.

Non puideron asistir pero tamén foron recoñecidos Rodrigo Germade (prata en piragüismo), Iván Villar (prata en fútbol), Nikolv Sherazadishvili (diploma en judo), ademais de Tamara e Alberto Abalde, María Bernabeu, Francisco Garrigós e Javi Gómez Noya.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, trasladoulles o agradecemento de toda a provincia. "Sodes o mellor que ten esta sociedade", afirmou, e destacou que "unha sociedade que queira construír un bo futuro para a súa xente ten que recoñecer ás e aos mellores dos seus".

Os olímpicos da provincia asinaron no Libro de Honra da Deputación e recibiron un agasallo da institución. Todos eles coincidiron en recoñecer o valor e o legado da traxectoria de Teresa Portela, unha deportista referente que recalcou que a importancia non é só das medallas senón tamén da "cantidade de esforzo, de horas investidas, de anos de sacrificio" e deixou claro que "unhas veces se conseguen e outras non". "Pero o importante son os valores que queremos mostrar, é o traballo que hai detrás", sostivo.

Pola súa banda, Nico Rodríguez agradeceu o poder xuntarse cos seus compañeiros e fixo especial mención a Tamara Echegoyen "unha gran líder para o equipo de vela que nos axudou moito".

O gardameta da selección de balonmán, Rodrigo Corrales, puxo en valor o feito de que "na provincia de Pontevedra haxa tantos deportes, tantos grandes deportistas e tantos adestradores de base, o que permite que xente como nós esteamos hoxe aquí". Ademais, afirmou que os deportistas de elite deben "seguir sendo inspiración da mocidade, apostar pola base, pola igualdade e a integración para que nos próximos anos sexan moitas máis persoas da provincia as que participen nos Xogos Olímpicos".

Antía Jácome mostrouse feliz durante o acto. "Eu acabo de empezar neste mundo e é unha honra poder compartir isto con persoas que son un exemplo para min e para deportistas do mundo enteiro", destacou. Tamén falou Támara Echegoyen, quen é consciente de que "o importante do deporte son os valores que transmite e educar con eles".

Nestas olimpíadas, nas que Galicia enviou máis deportistas ca nunca, a provincia de Pontevedra tivo unha forte presenza (con 12 deportistas) e destacou pola súa participación ao conseguir cinco das sete medallas galegas (tres delas de prata e dúas de bronce) e tres diplomas olímpicos. Neste sentido resalta Cangas, un lugar ao que foron parar catro dos metais olímpicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta