Aumenta a vixilancia das normas covid ante un fin de semana "perigoso" en pandemia

Os axentes porán o foco en controlar os lugares de lecer nocturno, a celebración de festas privadas ou os botellóns.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2021 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

A Xunta e responsables das forzas de seguridade abordaron nun encontro celebrado este venres extremar a vixilancia no cumprimento das normas sanitarias con motivo do dispositivo de control ante a ponte deste fin de semana. O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuníronse por videoconferencia cos xefes das policías locais das principais cidades galegas e cos mandos policiais da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica.

As forzas de seguridade extremarán a vixilancia para evitar aglomeracións de persoas e incumprimentos nas normas de seguridade ante unha ponte na que se prevén moitos desprazamentos e na que tradicionalmente se celebraban moitas festas e reunións en todo o territorio galego.

Neste sentido, insistiron na importancia de realizar un chamamento á sociedade para lembrar a necesidade de seguir respectando as restricións ás que obriga a situación sanitaria pola covid-19. É por iso que os axentes vixiarán especialmente os lugares de lecer nocturno, a celebración de festas privadas e os botellóns, que están prohibidos.

Tamén se abordaron os diferentes escenarios que se abren de cara a este fin de semana, á espera da resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a obrigatoriedade de presentar o certificado covid para entrar nos locais de hostalaría nos concellos de maior incidencia epidemiolóxica.

MULTAS DE 200 OU 300 EUROS

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, apelou de novo a responsabilidade e lembrou que, mentres a maioría da poboación non estea inmunizada, as normas seguen sendo de obrigado cumprimento. Así, insistiu en que os axentes vixiarán, especialmente neste fin de semana, que se respecten as limitacións, e advertiu que o feito de non facelo pode levar aparelladas multas que, nos casos dos botellóns, poderían elevarse aos 200 ou 300 euros por participante.

Rueda agradeceu o traballo das forzas de seguridade e pediu "sentidiño" á poboación e especialmente á mocidade, á que solicitou prudencia porque "independentemente de que estea ou non vacinada, as normas son para todos", do mesmo xeito que lembrou a alta porcentaxe de contaxios que se producen en encontros familiares.

PONTE "PERIGOSA"

Pola súa banda, García Comesaña destacou que hai varios factores que fan que esta ponte festiva sexa "perigosa", como son o bo tempo, as vacacións, a celebración de festas populares e unha "euforia" da xente xa vacinada cunha falsa sensación de seguridade. Julio García Comesaña lembra a pandemia segue e que hai que ser prudentes, dado que a pesar de contar con máis do 70% da poboación inmunizada o "virus segue circulando e pode facer moito dano".

Reunión de coordinación da Xunta con efectivos policiais. XUNTA
Reunión de coordinación da Xunta con efectivos policiais. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta