O peche de locais sería "moito peor" que pedir certificado covid, asegura Feijóo

Un día despois da súa decisión, o TSXG confirmou no seu perfil de Twitter este mesmo venres que a Xunta xa presentou a solicitude de autorización para a esixencia de pedir este certificado covid para poder entrar en hostalaría nos niveis máis altos de incidencia, e para o lecer nocturno con interiores abertos en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2021 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reafirmouse en que "moito peor" que a decisión do seu Executivo de pedir PCR, certificado de vacinación contra a covid-19 ou de superar a enfermidade sería ter que pechar locais de hostalaría naqueles concellos nos que a incidencia está en índices máis elevados. "O que interesa a cidadáns e a hostaleiros é que se poida abrir o interior de todos os restaurantes", esgrimiu o presidente galego.

Así o defendeu nunha entrevista en Telecinco, á vez que, do mesmo xeito que en declaracións aos medios en Pontevedra, onde participou nun acto con deportistas olímpicos, asegurou que confía en lograr o aval do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para manter a esixencia nos termos nos que viña facendo na comunidade.

Un día despois da súa decisión, o TSXG confirmou no seu perfil de Twitter este mesmo venres que a Xunta xa presentou a solicitude de autorización para a esixencia de pedir este certificado covid para poder entrar en hostalaría nos niveis máis altos de incidencia, e para o lecer nocturno con interiores abertos en Galicia. Insiste o TSXG que esta medida agora mesmo carece de vixencia ao non contar con autorización xudicial previa.

PENDENTE DA SÚA DECISIÓN

En Pontevedra, Feijóo volveu a reiterar que a Xunta entende que a lei galega de saúde dálle "competencia directa" para impor esta obrigación sen necesidade de autorización xudicial, pero vista a decisión do TSXG, explicou que se optou por pedir o seu aval para tratar de que, canto antes, poida volver estar en vigor.

O dirixente galego insistiu en que "a maioría de países europeos" esixen este pasaporte covid para entrar en lugares públicos pechados e recalcou tamén que "non ten sentido" que os certificados que teñen 18 millóns de persoas inmunizadas en España "non teñan ningunha utilidade" máis aló de viaxar ou poder coller un avión.

Convencido de que o resto de países europeos están a facelo "mellor" que España e de que "non ten sentido" que "todo o esforzo" que se fai en vacinación non teña "efectos en ámbitos de lugares pechados ou o transporte", volveu a defender que espera que o TSXG de luz verde de novo á medida autonómica do certificado covid.

Finalmente, concluíu que tamén "se acredita" unha vez máis "a lagoa legal" que hai en España. "Por iso as comunidades estamos a dar botes dun lado para outro en función os tribunais superiores, que teñen dificultades para interpretar de forma homoxénea porque non hai unha lexislación homoxénea", concluíu.

Carteis en diferentes idiomas de indicacións de obrigatoriedade de presentar certificados antes de acceder ao interior, nunha marisquería da Rua do Franco, en Santiago.. César Arxina - Europa Press
Carteis en diferentes idiomas de indicacións de obrigatoriedade de presentar certificados antes de acceder ao interior, nunha marisquería da Rua do Franco, en Santiago.. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta