Feijóo destaca as medallas olímpicas que "falan en galego" mentres retrocede o seu uso en Galicia

O titular do Executivo galego tamén lembrou que a Xunta impulsou nos últimos anos preto de medio milleiro de obras para mellorar as infraestruturas deportivas existentes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2021 | Actualizada ás 16:16

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este venres a "histórica participación" dos deportistas olímpicos galegos nos Xogos de Tokyo, "todo un fito" para a comunidade, ademais de valorar que "unha de cada tres medallas españolas" logradas nesta competición "fala en galego".

Feijóo recibiu á comitiva de participantes no Centro Galego de Tecnificación Deportiva onde repasou os logros obtidos polos medallistas Teresa Portela, Rodrigo Corrales, Nico Rodríguez, Iván Villar, Ana Peleteiro, Rodrigo Germade e Carlos Arévalo e os 10 diplomas olímpicos a cargo de Niko Shera, Raquel Carrera, Tamara Abalde, Alberto Abalde, Iago López Marra, Tamara Echegoyen, Adrián Ben, Antía Jácome, Carlos Arévalo, Emmanuel Reyes e Caetano Horta.

"Galicia está orgullosa", asegurou, para incidir en que o 72% dos galegos que participaron nos Xogos Olímpicos quedaron entre os 8 mellores do mundo. Moi emocionado durante a súa intervención, o presidente da Xunta enxalzou o esforzo e sacrificio dos deportistas.

Así mesmo, anunciou no seu discurso que a Oficina de Atención ao Deportista estará en pleno funcionamento para a tempada que vén, co obxectivo de seguir acompañando aos deportistas no camiño á excelencia.

Esta oficina orientará e informará, permitirá detectar as necesidades que poidan xurdir e promover actuacións destinadas á divulgación e formación.

O titular do Executivo galego tamén lembrou que a Xunta impulsou nos últimos anos preto de medio milleiro de obras para mellorar as infraestruturas deportivas existentes, prestando especial atención ás instalacións pontevedresas do CGTD, "a xoia da coroa", no que levan investidos 4,3 millóns de euros.

Finalmente, Feijóo expresou o seu desexo de que este bo resultado teña continuidade nos Xogos Paralímpicos.

Feijóo recibe aos deportistas olímpicos galegos. ANA VARELA
Feijóo recibe aos deportistas olímpicos galegos. ANA VARELA | Fonte: Europa Press

ARQUITECTO GALLEGO JORRETO

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou a figura do arquitecto Manuel Gallego Jorreto, un "exemplo a seguir" que constitúe unha "referencia indiscutible" á que "a Galicia actual débelle moito".

Así se pronunciou durante a súa participación na inauguración do V Xornadas da Fundación Manolo Paz Arte Contemporánea, celebradas en Cambados este venres.

A cita serviu para homenaxear a Gallego Jorreto, quen, en opinión de Feijóo, supón "todo un exemplo a seguir" polos seus deseños, "entrega" profesional, a súa "natureza reflexiva" e pola súa "comprensión" das claves da nova arquitectura.

Feijóo resaltou tamén a "preocupación polo papel social" da arquitectura que se manifesta na carreira de Gallego Jorreto, á vez que valorou o papel de Manolo Paz e a súa fundación ao longo destes anos. En resumo, o presidente autonómico remarcou que tanto Gallego Jorreto como Manolo Paz "son un complemento perfecto" ao que Galicia aspira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta