Conciliarmos liberdade e saúde

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou este sábado 14-A a autorización que lle pediu a Consellería de Sanidade da Xunta para a vixencia da súa Orde de 13-A na que se obrigaba ás persoas usuarias do interior dos establecementos de hostalería nos concellos cualificados de risco alto e máximo a amosar, quer o certificado de vacinamento ou de ter padecido a doenza nos últimos 180 días, quer unha proba negativa de Covid-19 das 72 horas anteriores.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 15/08/2021

Comparte esta noticia
Esta Orde reproducía a emitida o 22 de xullo, vixente até o xoves 12-A, cando o propio TSXG constatou a súa falla de vixencia por non ter pedido previamente a Xunta a autorización prevista na Lei da xurisdición contencioso-administrativa para as medidas sanitarias que os Gobernos autonómicos coiden precisas e urxentes cando supoñan a limitación ou restrición de dereitos fundamentais e os seus destinatarios non estean identificados individualmente. Decisión ésta que constituiu un grave erro, para nada desculpábel, da Xunta pola evidencia de que esa caste de “pasaporte covid” conlevaba tanto a comunicación a terceiros de dados persoais de máxima protección (o feito de estar vacinado ou de padecer ou non a doenza xerada polo Covid-19) como un tratamento desigual aos usuarios. Que había restrición ou limitación de dereitos fundamentais era evidente e só a Xunta non o viu. Mais complexa era a decisión de admitir ou non estas restricións dos dereitos fundamentais (nomeadamente o principio de non discriminación e o dereito á intimidade persoal), por ser ou non esas medidas de saúde pública precisas, proporcionadas e acaídas á súa finalidade. O propio Ministerio Fiscal considerou nun procedemento xudicial coetáneo que estas medidas estaban xustificadas. Mais varias das axencias e autoridades de protección de dados persoais do ámbito da UE dubidaron sobre a compatibilidade do “pasaporte Covid” co principio de non discriminación por i) non ser obrigatorio o vacinamento ii) existir colectivos que non poden vacinarse por razóns médicas ou doutra caste e iii) existir parte da poboación que aínda non lle foi ofrecido o vacinamento. Nos vindeiros días coñeceremos os argumentos do TSXG, até de agora inéditos. Mais este proceso xudicial evidencia a necesidade de compatibilizarmos a eficacia e eficiencia das políticas sanitarias cos dereitos fundamentais e liberdades das persoas. Porque nin Galicia nin a Europa democrática en xeral poden loitar contra a Covid-19 ao xeito dos estados autoritarios ou totalitarios, ao xeito da China, Irán, Arabia Saudita ou dos Emiratos Árabes Unidos.

Arquivo - Varias persoas na terraza dun bar, a 29 de maio de 2021, na Coruña, Galicia (España). A partir da noite deste sábado, en toda Galicia están permitidas as reunións de dez persoas en exteriores e de seis en interiores, tanto na. M. Dylan - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Varias persoas na terraza dun bar, a 29 de maio de 2021, na Coruña, Galicia (España). A partir da noite deste sábado, en toda Galicia están permitidas as reunións de dez persoas en exteriores e de seis en interiores, tanto na. M. Dylan - Europa Press - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.