A Xunta di priorizar a "seguridade sanitaria" mediante as novas restricións

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, dixo que "se a situación sanitaria segue mellorando, loxicamente os concellos que están en risco máis alto pasarán a risco menor e eses aforamentos iranse mellorando".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/08/2021 | Actualizada ás 17:04

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, xustificou as restricións que a Xunta aplicará, ao non avalar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a solicitude do certificado covid na hostalaría, ante a necesidade de priorizar a "seguridade sanitaria".

A preguntas dos xornalistas, nun acto en Baiona, recalcou que a "obrigación" da Administración autonómica é "compatibilizar a seguridade sanitaria coa vida económica". "O que facemos é adaptarnos a esa decisión e ter unha nova normativa de aforamento", apostilou tras a medida do alto tribunal galego.

Por outra banda, dixo que "se a situación sanitaria segue mellorando, loxicamente os concellos que están en risco máis alto pasarán a risco menor e eses aforamentos iranse mellorando".

"Non dubidamos nin un minuto en pór a seguridade sanitaria por encima de todo, pero a vida económica tamén ten que seguir", dixo o conselleiro, quen incidiu en que "ninguén teña dúbida" en que "en canto sexa posible relaxar restricións" farano. "E axudar á hostalaría", apostilou.

COMITÉ CLÍNICO

En canto á situación do Grove, que de nivel máximo pasa a nivel alto, segundo publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) este luns, e prguntado se foi un "erro" que estivese ata agora nesa situación, insistiu en que a decisión do comité clínico adoptouse en función das cifras que tiña.

"As máis altas de toda Galicia", remarcou sobre a incidencia neste municipio que, como a dos demais, volverase a analizar na reunión do comité clínico, fixada para o mércores, día 18, segundo confirmaron desde a Consellería de Sanidade.

O PORRIÑO CRÍTICA AS MEDIDAS

Mentres, a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, mostrouse crítica coas decisións adoptadas pola Xunta en relación ás novas restricións na hostalaría ao considerar que se "volve a penalizar" a este sector.

Para a rexedora, "estas medidas non son de recibo" e "volven penalizar ao sector da hostalaría, que xa foi castigado suficiente estes meses". Para García de la Torre, "que o TSXG non lles dese a razón, non pode ter como consecuencia que se ceben no sector máis castigado por esta pandemia".

Local de hostalaría. César Arxina - Europa Press
Local de hostalaría. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta