A hostalaría pide ao Tribunal Superior que declare nulas as novas restricións

O presidente da Confederación de Empresarios de Hostalaría de Galicia, Cheché Real, cualificou de "desastrosas" as limitacións impostas pola Xunta ao sector.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/08/2021 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña recorreu ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) as novas restricións impostas pola Xunta desde este martes no sector, despois de que o alto tribunal galego non autorizase a solicitude do certificado covid. Así o confirmou o seu presidente, Héctor Cañete, que explicou que se trata dunha decisión que conta co apoio das demais federacións provinciais galegas. Nun comunicado, estas tamén ratificaron que a asociación coruñesa presentouno en nome das catro agrupacións provinciais.

Varias persoas na terraza dun bar, a 29 de maio de 2021, na Coruña
Varias persoas na terraza dun bar, a 29 de maio de 2021, na Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Sobre o contido do seu recurso, sinalou que piden "a nulidade de toda a orde" da Xunta, que reduce os aforamentos no interior e no exterior en relación ao existente co certificado covid. "Por ser extemporáneo", resume Cañete, para quen "unhas medidas tan restritivas non se corresponden ao momento da curva que hai", afirma sobre a incidencia nestes momentos.

No caso de que non se anule toda a orde, explica que piden que se lles deixe abrir ao 100% as terrazas. Neste sentido, non ve "lóxico" que se reduzan nela os aforamentos coas novas medidas sobre o uso da máscara no exterior. Ademais, no recurso expoñen outras cuestións como o uso das barras nos locais.

Cañete defende, por outra banda, que entre as actuais restricións e a solicitude do certificado covid aos clientes era mellor, ao seu xuízo, esta opción. Así, apunta que o 89,2% dos seus asociados apoian esta medida e insiste en que traballar coas novas restricións da Xunta "non é posible" para o sector.

MEDIDA "DESASTROSA"

Pola súa banda, o presidente da Confederación de Empresarios de Hostalaría de Galicia, Cheché Real, cualificou de "desastrosas" as limitacións impostas pola Xunta ao sector. Real apuntou que "poden ser desastrosas pola época do ano en que nos atopamos". Tamén manifestou que cos certificados ou pasaportes Covid, que invalidou o TSXG, funcionábase " ben, como ningún imaxinabamos ao principio cando falamos coa Xunta para que non se pechará pola subida continuada de contaxios, a mediados de xuño".

Respecto ao pasaporte Covid, lembrou que non o "puxeron" os hostaleiros, pero si que o "aceptaron" para evitar esas consecuencias"desastrosas" que agora se atreve a vaticinar que se van a producir. Ademais descualificou a impugnación que promoveu a asociación Lugo Monumental, que vinculou cunha denuncia "personalista" por parte de alguén que "nin é hostaleiro senón que é funcionario cuns desexos exacerbados de protagonismo político e social". "Non o entendemos", recriminou, referíndose ao presidente de Lugo Monumental, Luís Latorre.

Por outra banda, cifrou en "centos de miles de euros ou de millóns de euros que van deixar de ingresar no verán por esa denuncia". Ante o chamamento á "unidade" dos hostaleiros feito desde Lugo Monumental para que a Xunta "abra as mans para aumentar os aforamentos", Real apostilou que "cando se pide a unidade, non sei de que hostalaría falan".

"As nosas asociacións están vixentes grazas ao esforzo de moitos que as crearon en 1976, as asociacións provinciais". "Estamos ademais asociados á Confederación Empresarial de Galicia, a Hostalaría de España, estamos asociados, á súa vez, á Confederación Española de Hoteis e Aloxamentos turísticos e estamos na CEOE", replicou.

O PP CULPA AO GOBERNO CENTRAL

O PPdeG, a través do seu viceportavoz parlamentaria, Paula Prado, responsabilizou ao Goberno central do rexeitamento da xustiza á implantación do certificado covid como requisito para acceder aos establecementos da hostalaría.

Este luns en rolda de prensa, a preguntas dos medios, a deputada na Cámara galega expresou que o 'non' do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) á medida decretada polo Executivo autonómico demostra que o Goberno de Pedro Sánchez "dimitiu" da "xestión" da pandemia.

Tras manifestar o seu respecto ao auto do Alto Tribunal galego no que decretaban a non validez da esixencia de presentación do certificado covid na hostalaría, Prado incidiu en que "se houbese unha lei de pandemias no Estado" evitaríanse "estas interpretacións xurídicas".

Neste sentido, subliñou que "os únicos que xestionan" a crise sanitaria "son as comunidades e os xuíces", á vez que defendeu o emprego deste documento como vía para "favorecer" a actividade dos negocios do sector.

"Todas as medidas son para a protección da cidadanía e para garantir a saúde pública", reiterou Prado, que sinalou que non ve "razoable" que o emprego do certificado limítese á seguridade nas viaxes, xa que supón un "recurso" extendible a outras actividades.

Por último, evitou pronunciarse sobre a petición dos grupos da oposición (BNG e PSdeG) para que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, compareza ante a Cámara autonómica para dar conta da frustrada implantanción do certificado covid na hostalaría.

Neste sentido, a viceportavoz do grupo maioritario no Pazo do Hórreo manifestou que o Parlamento "ten o seu regulamento" e que a solicitude dos grupos tramitarase segundo o establecido nel.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta