A Xunta pide ter en conta a situación de cada autonomía e a porcentaxe de vacinados para o novo curso

As comunidades e o Ministerio abordaron manter as máscaras, os grupos burbulla e modificar a distancia de seguridade de 1,5 a 1,2 metros, entre outras.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/08/2021 | Actualizada ás 18:12

Comparte esta noticia

O Goberno galego considera que o estudo das novas restricións e o protocolo de cara ao inicio do curso debe ter en conta as particularidades da situación epidemiolóxica da comunidade autónoma e a porcentaxe de vacinados en idade escolar.

Aula escolar
Aula escolar | Fonte: Xunta de Galicia.

Así o trasladou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras a reunión do comité clínico de expertos sobre a próxima conferencia sectorial que manterán os responsables educativos das comunidades coa ministra do ramo, Pilar Alegría, o próximo 25 de agosto.

O obxectivo do encontro é revisar o catálogo de medidas abordado previamente pola súa antecesora no cargo, Isabel Celaá, antes da substitución no Ministerio de Educación co fin de adaptalas á situación actual e á evolución da Covid-19 en todo o Estado.

Respecto diso, Comesaña lembrou que a Consellería de Sanidade actúa "de forma coordinada" co departamento de Educación, dirixido por Román Rodríguez, para traballar na actualización dos protocolos postos en marcha o ano pasado "cos axustes correspondentes", ademais de "todo o relativo á vacinación" de mozos en idade escolar.

O titular de Sanidade avanzou, en todo caso, que Galicia expuxo xa hai meses que as decisións que se tomasen de cara ao inicio deste novo curso tivesen en conta tanto a situación epidemiolóxica na que se atopa a comunidade como a porcentaxe de persoas en idade escolar que xa estean vacinadas.

É por iso, que o obxectivo da Xunta actualmente é "chegar á maior porcentaxe de nenos e nenas vacinados" posible para presentar estes datos ante o Ministerio, co fin de que sirvan de base para trazar as medidas que permanecerán en vigor durante o curso escolar.

"En próximos días veremos se chegamos a ese obxectivo e con eses datos iremos á reunión do día 25", resolveu Comesaña.

Entre as medidas expostas de cara ao curso, as comunidades e o Ministerio abordaron manter as máscaras, os grupos burbulla e modificar a distancia de seguridade de 1,5 a 1,2 metros, entre outras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta