Universitarios galegos abren unha petición en Change.org para axudar a un estudante afgán

H. atópase en Afganistán coa súa familia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

H., estudante afgán a quen manteñen no anonimato, estivo fai tres anos en Galicia cun intercambio universitario. Durante uns 14 meses, o mozo creou lazos coa nosa terra, aos que agora recorre para pedir axuda.

H. cos seus compañeiros galegos
H. cos seus compañeiros galegos | Fonte: Cedida

A conquista de Afganistán por parte dos talibáns mantén en vilo a toda a súa poboación, que busca desesperadamente axuda. É o caso de H., que como último recurso recorreu aos seus excompañeiros galegos, que decidiron abrir unha campaña na plataforma de Change.org para recoller firmas e tentar botarlle unha man.

Carlos Mourelle foi quen comezou a iniciativa, tras recibir unha mensaxe de H. "El básicamente o que me dixo foi: sei que está mal o que che estou pedindo, pero axúdame", comenta Mourelle, quen non dubidou en falar con amigos e coñecidos para dar a coñecer a situación do seu amigo.

AXUDA PARA H.

A recollida de firmas iniciouse o 17 de agosto, e xa acumula máis de 40.000 sinaturas. Con isto, os estudantes pretenden chegar a máis xente e buscar apoios a nivel legal e burocrático, por iso tamén abriron un correo, amigosayudandoah@gmail.com, para que calquera persoa que poida axudar, contacte con eles. Unha vez posta en marcha a petición, a plataforma tamén se puxo en contacto cos estudantes para aconsellalos.

Tendo en conta que España mandou avións militarias para repatriar persoal da embaixada en Afganistán e a diversos colaboradores, os compañeiros de H. piden ao Ministerio de Asuntos Exteriores e ao Ministerio de Defensa "que permitan a H. vir a España en calidade de refuxiado". "Cremos que o momento para conseguri sacar a H. e á súa familia de Afganistán é agora", afirman a través de Change.org. 

Polo de agora, aínda que a conexión non sempre é boa, Mourelle segue en contacto con H, quen lle describe que a situación que está vivindo é desesperante: "O que nos di é que está coa morte asexando detrás de cada esquina. El pediunos axuda no último minuto de partido por intentar todo o posible". 

H. segue na súa casa coa súa familia e, segundo conta Mourelle, unha das opcións do mozo era ir ata Pakistán "pero non se pode arriscar a ir e que o manden de volta". Tamén intentou contactar coas diferentes embaixadas, das que tampouco recibe resposta. Porén, os estudantes galegos confían en poder axudalo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta