Rexistrada unha moción de censura do PP contra o alcalde socialista de Malpica

O paso dos populares prodúcese tras a ruptura do goberno tripartito que sustentaba ao socialista Walter Pardo á fronte da corporación da Costa da Morte.

Por E.P. | Malpica | 19/08/2021 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

O Partido Popular rexistrou este xoves a moción de censura contra o rexedor de Malpica, o socialista Walter Pardo, cuxo goberno perdeu a maioría na corporación bergantiñá tras a dimisión do edil non adscrito Alfredo Cañizo, quen, co seu apoio, faría rexedor ao popular Eduardo Parga.

Fontes do PP confirmaron a presentación da moción de censura. Ábrese agora un prazo de dez días hábiles para a celebración do pleno no que, previsiblemente, Parga recuperará un bastón de mando que tivo en dúas ocasións e que perdeu nas últimas eleccións municipais, celebradas na primavera de 2019.

O paso dos populares prodúcese tras a ruptura do goberno tripartito que sustentaba ao socialista Walter Pardo á fronte da corporación da Costa da Morte. Así as cousas, o pleno para o debate e votación da moción de censura podería celebrarse o día 2 de setembro, xornada na que se cumpren o dez días que marca a lexislación tras o rexistro.

Este xoves 19 de agosto cumpríronse sete días da dimisión de Cañizo, que atribuíu a súa saída do executivo local á "parálise" na que, di, está sumido o concello. Tamén puxo como causa da súa saída a súa relación co propio Pardo, que replicou á versión do edil non adscrito acusándoo de perseguir "intereses persoais".

A despedida de Cañizo provocou que o goberno local quede en minoría na corporación, posto que o seis edís de PSOE (4) e BNG (2) suman o mesmo número de asentos que ten o PP. Por tanto, o voto do edil non adscrito volve ser clave, como xa o foi en 2019 para que Pardo se fixese coa Alcaldía do municipio da comarca de Bergantiños.

A entrada no executivo do fundador do partido AIM e cabeza de lista de Ciudadanos en 2019 provocou a apertura dun expediente por parte da organización laranxa que derivou na expulsión de Cañizo, que se mantivo na corporación como concelleiro non adscrito.

Ata a pasada semana encargábase das áreas de seguridade cidadá, tráfico, medio rural, mar ou turismo, entre outras. Tras anunciar a súa dimisión, Cañizo asegurou terse sentido "ninguneado" dentro do goberno local, onde sentía "tratado como un inimigo", especialmente polo alcalde.

Dáse o caso de que Cañizo xa compartiu goberno co popular Eduardo Parga. O seu apoio tras as eleccións de 2011 fixo alcalde ao do PP, que repetiu mandato catro anos máis tarde. Con todo, a relación entre Cañizo e Parga deteriorouse e o primeiro chegou a ser condenado a unha multa de 300 euros por ameazar ao popular en 2018.

No entanto, tras as eleccións de 2019, o popular e o independente volveron sentar para negociar un posible pacto de goberno, aínda que o segundo decantouse pola proposta dos socialistas e nacionalistas para facer alcalde a Walter Pardo.

PSOE VE "AMBICIÓNS PERSOAIS"

Tras coñecerse a presentación da moción de censura, a dirección provincial do Partido Socialista na Coruña reaccionou para criticar o paso dado polos populares e por Cañizo, que, aseguran, "responde exclusivamente a ambicións e intereses persoais".

Nun comunicado, os socialistas ven "incoherencia" e "oportunismo político" na actitude do PP, formación que, din, "só se dedicou a obstaculizar e criticar a xestión" en Malpica "sen ofrecer nin unha soa proposta en positivo para o pobo".

Ademais, a dirección provincial que encabeza o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, sostén que os populares queren "premiar" a Cañizo facéndoo tenente de alcalde, xa que, segundo os socialistas, este último puxo como "requisito indispensable" este nomeamento para apoiar a moción de censura.

"Demustra que PP e Cañizo comparten un único obxectivo: acceder ao poder a calquera prezo", engade o PSOE no seu comunicado, ao que se remitiron as fontes do goberno municipal contactadas por Europa Press.

Walter Pardo, PSOE Malpica
Walter Pardo, PSOE Malpica | Fonte: que pasa na costa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta