Preocupación nas residencias polo incremento de gromos de covid-19

Aumentan os cribados ante o aumento de casos, pero mantéñense actividades e visitas. Política Social sinala que está "en permanente contacto" con Sanidade e que a situación é avaliada polo comité clínico por se houbese que actuar.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/08/2021 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

Tanto as residencias de maiores como as de discapacidade aumentaron os cribados nos centros, concretamente aos seus traballadores --vacinados e sen vacinar-- ante os últimos gromos detectados, pero manteñen as actividades grupales e as visitas e saídas dos residentes.

Dous anciáns pasean fronte á residencia das Gándaras, a maior de Lugo, despois de contabilizar un total de 49 positivos, a 17 de agosto de 2021
Dous anciáns pasean fronte á residencia das Gándaras, a maior de Lugo, despois de contabilizar un total de 49 positivos, a 17 de agosto de 2021 | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Sobre as medidas que se están adoptando nestes centros por mor dos últimos gromos de covid-19 --os máis recentes na residencia de maiores de Betanzos (A Coruña) e no de discapacitados de Chapela-Redondela (Pontevedra)--, a Consellería de Política Social confirmou que algunhas medidas se intensificaron.

"Desde hai unhas semanas, en vista de que a incidencia poboacional se estaba a incrementar e que, nas residencias, de maneira puntual, estaban a aparecer novos positivos, reforzáronse as medidas de seguridade e hixiene", explicou o departamento.

Así, ademais dos cribados aos seus traballadores, Política Social indicou que ás residencias fornécenselles tests de antíxenos "para que ante calquera sospeita poidan facer probas de forma inmediata".

Outra das recomendacións por parte da Consellería é que, nestes centros, se reforcen os protocolos, "con especial fincapé" no uso das máscaras nas zonas comúns, a desinfección e hixiene dos espazos, o lavado frecuente de mans ou a distancia de seguridade entre os usuarios.

"MEDIDAS PROPORCIONAIS Á REALIDADE"

Política Social remarcou que está "en permanente contacto coa Consellería de Sanidade para "tomar as decisións necesarias" neste aspecto, pero apuntou que "hai que ter presente que a práctica totalidade dos residentes e traballadores de residencias están vacinados, polo que as medidas que se vaian pór en marcha deben ser proporcionais á realidade".

É por isto que, "polo momento", se manteñen as actividades grupais e tamén as visitas e saídas dos residentes tanto de residencias de maiores como de discapacidade. Con todo, naqueles centros nos que se detecte un gromo, indicou Política Social, "mentres este non se estabiliza", suspéndense "momentaneamente" as actividades mencionadas "por precaución".

"Como é lóxico, tanto as actividades como as visitas e saídas retómanse naqueles usuarios non contaxiados cando se asegura e estabiliza o gromo", puntualizou o departamento, que insistiu en que o comité clínico "monitora permanentemente" a situación nas residencias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta