Cambio climático, que expectativas ten o sector primario en Galicia?

O sector primario será un dos primeiros en sentir as consecuencias máis inmediatas do cambio climático. Cambios nos ciclos da auga, no sistema de alimentación gandeira, no ciclo dos cultivos e outras variables que se experimentarán co paso do tempo. Desde as institucións apúntanse iniciativas para enfrontar esta posible sucesión de acontecementos, aínda que non se demostrou a súa eficacia.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 24/08/2021 | Actualizada ás 08:15

Comparte esta noticia

O máis angustioso no caso de darse por cumpridas as expectativas sobre cambio climático é a escaseza de auga. As plantas non soportarán  a caída dos índices pluviométricos e a cabana gandeira, moita dela dependente da importación de produtos para a súa alimentación, reducirá a súa produtividade. Ademais diso, nun lugar como Galicia onde se cre que a reserva hídrica é suficiente, a prolongación de períodos secos traerá unhas consecuencias como o desabastecemento tanto para o gando como para a produción agraria. Cales son as posibles respostas a este panorama? Hai algún mecanismo en funcionamento de cara a evitar males maiores que os previstos?

Tractores, máquinas, agricultura, maquinaria agraria, huerta, labrar, campo
Tractores, máquinas, agricultura, maquinaria agraria, huerta, labrar, campo

PRIMEIRAS CONSECUENCIAS

O temor máis grande é o de subministración de auga suficiente para o sector primario. “Haberá cambios no patrón da auga que serán máis agudos en primavera e verán, épocas en que é máis necesaria” di Jacobo Feijóo de Unións Agrarias (UUAA). O cultivo intensivo podería ser dos primeiros sectores afectados. Aínda así, é posible que os novos sistemas de software para rega “sexan máis eficaces e podan ir controlando o sistema de goteo para a produción agraria”.

“O sector lácteo por exemplo é moi dependente dos insumos importados para a súa alimentación” declara Isabel Vilalba do Sindicato Labrego Galego. “En Galicia temos pouca superficie agraria que poida crear forraxe para alimentar a cabana gandeira”, sobre todo pensando en granxas de produción intensiva mediante un elevado número de cabezas.

Máis alá do dito, interpretar os sinais que dea o campo en canto falta de auga ou nutrientes é difícil hoxe en día. “As deficiencias ou riscos que existan poderanse controlar mediante a evolución dos diferentes sistemas electrónicos aplicados á produción” sinala Feijóo. A isto hai que engadir que tanto “a nosa gandería como agricultura teñen unha gran dependencia do combustible fósil, e por outra parte, deberemos facer fronte a cambios moi radicais como son as secas prolongadas e as inundacións” di Vilalba.

Vítor Fernández é un gandeiro que aposta pola gandeiría e a agricultura ecolóxica en Chantada
Vítor Fernández é un gandeiro que aposta pola gandeiría e a agricultura ecolóxica en Chantada | Fonte: XdL

SITUACIÓN E PROPOSTAS

A emisión de CO2  a atmosfera é o cabalo de batalla para frear as radicais variacións climáticas no planeta. Mais como xa apuntabamos “a agricultura galega depende moito do diésel e as políticas tanto galega como española parecen actuar de maneira allea ás consecuencias do quencemento global” di Vilalba. Unha posible resposta a isto sería a iniciativa da Consellería de Medioambiente coa creación da Comisión Interdepartamental da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050. Un órgano de coordinación onde están representados todos os departamentos da Administración galega.

En base a isto, desde o departamento de Ángeles Vázquez, apuntan que esta iniciativa “reunirá participación autonómica, local e provincial”, de xeito que se estenderá “á pequena e media empresa da Comunidade e tamén ás distintas organizacións que desexen participar no respecto polo clima e o territorio de Galicia, e queiran formar parte dunha Galicia neutra”.

O manexo das diferentes especies pode darnos solucións por exemplo para frear algúns patóxenos, a rega adaptada pode frear a caída da reserva hidráulica” describe Jacobo Feijóo. Porque ese é outro temor, que a variación no comportamento de temperaturas e de ciclos estacionais pode dar pé á aparición de novas doenzas sobre animais e plantas. Isto a medio ou longo prazo pode arruinar tanto a produción como a subministración de alimentos.

“Non hai unha aposta decidida pola produción propia porque se pensa máis desde os grandes grupos alimentarios que pensar na sociedade” di Isabel Vilalba. Un exemplo serían os prezos que reciben as producións de carne en extensivo, moi baixos en comparación con outros tipos de produción. “Existe unha economía especulativa que se traduce nun abandono á súa sorte dalgúns produtores mentres que no leite non se pensa nas marxes de beneficio que poda ter o ou a produtora”.

Desde a Consellería de Medio Ambiente, aínda así, sinalan que xa se executaron máis de 317 millóns de euros para a redución de emisións de gases invernadoiro e CO2, todo dentro da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía. Destacan que o maior investimento destinouse á mitigación das emisións, “con preto de 268 millóns de euros para a posta en marcha de alternativas dispoñibles en favor dunha mobilidade sustentable ou para a diminución da pegada de carbono”.

O perigo dun cambio radical nos patróns de comportamento ambiental pode ter consecuencias moi fortes sobre a produción agrogandeira. Nese sentido, un modelo produtivo respectuoso co medio ademais de estar máis próximo ao consumidor, debera ser implementado para a redución na emisión de gases e contaminantes segundo os expertos e produtores.

Cambio climático
Cambio climático | Fonte: WWF España
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta