Os novos de 12 e 13 anos vacinaranse o 23 de agosto

Sanidade podería adiantar a vacinación dos que pasasen a covid, antes do seis meses estipulados

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/08/2021 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

Galicia vacinará os nenos de entre 12 e 13 anos o vindeiro luns 23 de agosto, tal e como informou este venres o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras visitar o punto de vacinación da Cidade da Cultura, de Santiago de Compostela.

Mozos esperan na Cidade da Cultura o día de arranque da vacinación másiva a menores de 20 anos
Mozos esperan na Cidade da Cultura o día de arranque da vacinación másiva a menores de 20 anos | Fonte: Europa Press.

Este avance no proceso débese á chegada dunha partida de vacinas de Moderna, confirmada esta mañá e que permitirá a citación durante a tarde do venres dos menores que cumprisen os 12 anos. Este matiz, como o propio conselleiro, apuntou, é "importante", posto que as vacinas non están autorizadas para nenos menores desa idade.

A inoculación das doses a este grupo realizarase o luns para conseguir que o período de cadencia entre doses, neste caso de catro semanas para Moderna, termine xusto antes de empezar o curso escolar.

Comesaña indicou ademais que Sanidade creará un sistema de captación para que todos aqueles nenos que "vaian cumprindo 12 anos" entren nas listas de vacinación. As citacións realizaranse por SMS ao móbil que os mozos teñan asociado ao seu cartón sanitario. De non recibilo, a cita aparecerá na páxina web do Sergas, segundo lembrou o titular da Consellería.

Outro punto importante do anuncio é a obrigatoriedade por parte dos menores -tamén para os da franxa de 14 a 16, cuxa vacinación xa estaba planificada-- de presentar un documento de conformidade asinado polos pais ou titores legais.

Desta forma, a planificación de vacinación para a próxima semana, tal e como sinalou Comesaña, ocuparase o luns na inoculación de doses a menores de entre 12 e 13 anos, con Moderna, e mércores e xoves, a mozos de entre 14 e 16 anos, con Pfizer.

Así, concluíu o conselleiro, "na semana do 13 ao 19 de setembro -data de inicio do curso escolar--, todos os mozos teñan a pauta completa". "Esta é a forma de garantir un inicio de curso aínda máis seguro", destacou Comesaña.

VACINAS PARA CONTAXIADOS

Sanidade estuda a posibilidade de adiantar a vacinación daquelas persoas que pasasen a covid-19, segundo confirmou o conselleiro de Sanidade.

Así, aínda que o prazo que establecera o departamento da Xunta era de seis meses, Comesaña sinalou que a vacinación destas persoas "podería adiantarse" e, aínda que non especificou unha data, preguntado pola posibilidade de seguir o ronsel da Comunidade de Madrid --que a adiantará a un mes--, o conselleiro contestou que "si, podería producirse en canto a situación clínica do paciente o permita".

O titular de Sanidade evitou pronunciarse sobre a posible inoculación de terceiras doses e remitiuse ás "evidencias científicas". Aínda que confirmou que o tema se tratou no Consello Interterritorial do pasado mércores, remarcou que non se tomará ningunha decisión "ata que haxa evidencias científicas sobre a mesa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta