O PSdeG ve unha "operación oscurantista" na moción de censura do PP contra o alcalde de Malpica

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, enxalza ao socialista Walter Pardo como "un alcalde de referencia" e censura o que considera "operacións oscurantistas" por parte do PP.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2021 | Actualizada ás 19:15

Comparte esta noticia

A dirección do PSdeG manifestou o seu apoio ao rexedor de Malpica, Walter Pardo, despois da presentación dunha moción de censura na súa contra por parte do Partido Popular, que podería valerse do apoio do exmembro do goberno local e edil non adscrito, Alfredo Cañizo, para recuperar a Alcaldía do municipio bergantiñán.

Nun comunicado emitido este venres, a executiva da organización que encabeza en Galicia o secretario xeral, Gonzalo Caballero, enxalza ao socialista Pardo como "un alcalde de referencia" e censura o que considera "operacións oscurantistas" por parte do PP.

A saída do goberno local do concelleiro non adscrito Alfredo Cañizo, candidato por Ciudadanos en 2019 pero expulsado do partido por apoiar o goberno de socialistas e nacionalistas, abriu a porta á posibilidade de que prosperase unha moción de censura contra Pardo impulsada polo PP no caso de apoiarse no edil dimisionario.

O pasado xoves, o portavoz popular e exalcalde Eduardo Parga rexistrou a moción de censura, que será debatida a comezos de setembro. No caso de que Cañizo apoie a proposta popular, Parga recuperaría o bastón de mando que xa tivo entre 2011 e 2019.

En relación a isto, Gonzalo Caballlero preguntouse "en que consiste o pacto" entre o PP e o exmembro do goberno de Pardo, de quen enxalzou os seus dous anos á fronte do consistorio da vila da Costa da Morte.

Neste sentido, cre que os pasos seguidos responden a "unha suma de intereses persoais que nada achegan" a Malpica e sostén que Walter Pardo "sempre estivo á beira das necesidades" da localidade e os seus veciños.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o alcalde de Malpica, Walter Pardo. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o alcalde de Malpica, Walter Pardo. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta