A hostalaría pechará ás 23,00 aínda que poderá despachar pedidos ou entregar a domicilio ata as 1,00 horas

As novas restricións por covid prohiben utilizar barras nos locais hostaleiros en nivel alto e medio, e no medio-baixo, só para pedir e recoller consumicións.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/08/2021 | Actualizada ás 20:31

Comparte esta noticia

A hostalaría non poderá servir en interiores en nivel máximo e non poderá usar a barra en nivel alto nin no nivel medio--. En nivel medio-baixo, a barra só se utilizará para pedir e recoller consumicións.

Esta é unha das novas medidas que entrarán en vigor para a hostalaría ás 00,00 horas do 21 de agosto e que se manterán, en principio, ata o 4 de setembro, tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicado na tarde deste venres.

As restricións, como se sinala no documento e como viñeron indicando diversos responsables do departamento da Xunta nos últimos días, responden á ratificación da invalidez do certificado covid para hostalaría por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, cuxas razóns se coñeceron este venres ao facerse públicos os autos xudiciais.

Así as cousas, a hostalaría das localidades en nivel máximo poderán prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio, de entrega a domicilio e de terraza co 50% da capacidade máxima permitida. Estes establecementos permanecerán pechados ao público para o consumo no interior do local.

Nos concellos en nivel alto, a hostalaría poderá realizar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio, de entrega a domicilio e de terraza co 75% da capacidade máxima e, en interiores, cunha ocupación do 30%. Nestas localidades, non se poderá prestar servizo na barra.

Os veciños de localidades en nivel medio poderán acudir aos establecementos hostaleiros para servizos de recollida no local e de consumo a domicilio, de entrega a domicilio e de terraza co 100% da capacidade máxima, e tamén de servizo no interior cunha ocupación do 50%. Aquí tampouco se poderá prestar servizo na barra.

En canto ao nivel medio-baixo, a hostalaría poderá prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio, de entrega a domicilio e de terraza co 100% da capacidade máxima permitida, así como no interior, cunha ocupación do 75%. Nestas localidades si se poderá utilizar a barra, pero só para solicitar e recoller consumicións, non para realizar o consumo nela.

Respecto dos horarios, Sanidade matizou que os locais non poderán admitir a novos clientes máis aló das 00,00 horas e que, aqueles que acudan a recoller algún pedido, deberán permanecer no interior o "estritamente necesario".

Recalcan tamén que deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, as agrupacións de mesas, e a ocupación máxima será de seis persoas no interior e 10 persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas.

LECER NOCTURNO

O DOG recolle ademais modificacións para o sector do lecer nocturno. Así, en virtude do Protocolo para a reactivación do lecer nocturno, os establecementos dos concellos en nivel máximo e alto poderán prestar servizos de terraza ao 75% da capacidade máxima permitida.

Os locais nocturnos das localidades en nivel medio poderán prestar servizos de terraza ao 75% da súa capacidade e ao 50% en interior; mentres que aqueles en nivel medio-baixo, tamén poderán servir no interior ao 50% pero ao 100% en terraza.

ALBERGUES E ALOXAMENTOS TURÍSTICOS

As novidades alcanzan tamén aos albergues de peregrinos e demais aloxamentos turísticos que, como xa se anunciou este venres, aumentan os seus aforamentos ata o 50%, "a condición de que non se trate dun grupo de convivencia estable". Se é un grupo de convivientes, o DOG indica que "os albergues poderán manter a ocupación máxima das prazas", sempre que os peregrinos realicen o Camiño "en todas as súas etapas no territorio galego nun mesmo grupo 'burbulla' ou de convivencia estable".

Para estes efectos, fomentarase a constitución destes grupos de convivencia estable para a realización do Camiño. Acreditarase a súa creación mediante a declaración responsable por parte dos membros do grupo, "sen que, unha vez feita, poidan admitirse novos membros".

SALÓNS DE XOGOS E RECREATIVOS

Por último, en canto aos establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais, en nivel máximo, permanecerán pechados.

En nivel alto, non poderán superar o 30% da súa capacidade permitida; en nivel medio, só poderán ocupar o 50% do seu aforamento máximo; e en nivel medio-baixo, poderán abrir ata o 75% da súa capacidade permitida.

Por outra banda, Sanidade insistiu, ademais, nas recomendacións que xa realizara días atrás, cando se fixo pública a invalidez do certificado covid. Así, aconsellou que aqueles que accedan a establecementos como os citados conten coa pauta completa da vacina, ou que dispoñan dunha proba diagnóstica de infección activa negativa, entre outros.

Varias persoas na terraza dun restaurante o día en que o TSXG declara nula a petición de certificado Covid para entrar en hostalaría, a 12 de agosto de 2021, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España).. César Arxina - Europa Press
Varias persoas na terraza dun restaurante o día en que o TSXG declara nula a petición de certificado Covid para entrar en hostalaría, a 12 de agosto de 2021, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España).. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Na área sanitaria de Vigo imos camiño de récord... 69 hospitalizados e 11 en UCI https://coronavirus.sergas.gal/dato... Pero algúns están preocupados por non perder o seu agosto particular... Para algúns estamos de Festa !