Galicia volve superar a barreira dos 700 novos positivos e mantén a presión nas UCI

A tendencia á baixa nos casos activos mantense, con 382 menos que na última xornada. Nas unidades convencionais dos hospitais recibiron a alta 21 persoas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2021 | Actualizada ás 12:31

Comparte esta noticia

A escalada de novos contaxios diarios de Covid mantense en Galicia, onde se confirmaron, nas últimas 24 horas, outros 710 casos. Con todo, grazas ás altas epidemiolóxicas, segue caendo o número global de casos activos na comunidade, 382 menos que na última xornada. Tamén cae a presión hospitalaria, con 309 persoas hospitalizadas.

Segundo os datos feitos públicos este sábado pola Consellería de Sanidade (con información solicitada ata as 18,00 horas deste xoves), pese á repunta nos contaxios, as altas epidemiolóxicas permiten falar dunha caída nas infeccións activas, que descenden en 382 e quedan nos 11.370.

O número de novos contaxios creceu en todas as áreas, onde a da Coruña lidera con 151 novos casos. Aos coruñeses séguenlles os vigueses, con 149 casos. Na de Santiago, contabilizáronse 114 novos contaxios; en Lugo, 111; en Pontevedra, 70; en Ourense, 64; e en Ferrol, 51. Con respecto ao número total de persoas coa infección activa, este descendeu en Galicia ata os 11.370 casos (382 menos), e baixou en cinco das sete áreas, só se incrementaron na de Ourense, con 758 (+23); e na de Santiago-Barbanza, con 1.188 (+14).

Respecto dos descensos, tamén os lidera a área coruñesa, con 182 infeccións activas menos, que deixan á área con 3.466 en total. En vigo tamén descenden máis dun centenar, 139 concretamente, e queda con 2.796 casos activos. En Lugo, permanecen activas 1.235 infeccións (-47); en Ferrol, 822 (-28); e en Pontevedra, 1.105 (-23).

PRESIÓN HOSPITALARIA

A presión hospitalaria, por outra banda, mantense en Galicia, cun lixeiro descenso, que deixa a 309 persoas hospitalizadas por covid na Comunidade (21 menos que na última xornada). Delas, 64 necesitan coidados intensivos (+2) e 245 están en plantas convencionais (-23).

Por áreas, a carga asistencial descende en cinco das sete, e estáncase en Ferrol e Ourense, con 22 e 37 pacientes ingresados, respectivamente. Aínda que os ingresados descenden, a área sanitaria da Coruña continúa á cabeza, con 91 persoas hospitalizadas (-2), das que 20 están ingresadas en UCI (+1) e 71 en unidades convencionais (-3). Vigo conta con 76 pacientes ingresados (-4), onde mantén 11 en UCI e baixa a 65 os hospitalizados en planta.

A área de Santiago, pola súa banda, ten sete persoas menos hospitalizadas, todas de unidades convencionais, onde queda con 20 pacientes, e mantén seis en UCI. Unha situación similar ocorre en Pontevedra, que se estanca con catro hospitalizados en críticos, pero rexistra un descenso nos hospitalizados en unidades convencionais, seis menos, co que queda con 22. Lugo segue tamén esta liña, con seis pacientes en UCI (sen cambios) e 25 en planta (-2), co que queda con 31 hospitalizados.

CURADOS E FALECIDOS

Desde o inicio da crise sanitaria curáronse da Covid 160.169 persoas, das que 1.088 recibiron a alta epidemiolóxica nas últimas horas. Por contra, faleceron coa enfermidade 2.536 persoas. Unha das persoas que morreu con covid, segundo a información que apuntou a consellería, é unha muller de 30 anos, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Presentaba patoloxías previas, segundo Sanidade. Os outros tres falecidos eran un home de 87 anos, no Hula; unha muller de 75, no Chuvi e outra muller de 86 anos, tamén no Chuvi. Todos eles tamén con patoloxías previas.

Con respecto ás probas de detección do virus, ata agora realizáronse en Galicia 2.694.223 probas PCR (máis de 5.691 nas últimas 24 horas).  Segundo os datos publicados este venres polo Sergas, a porcentaxe de resultados positivos nas probas PCR practicadas ascendeu ata o 10,65 %, moi lonxe do 5 % que a OMS fixa como limiar para dar por controlada a pandemia.

Un paciente con Covid trasladado ao Hospital de Lugo.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Un paciente con Covid trasladado ao Hospital de Lugo.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta