Case 70.000 persoas de 15 a 19 anos conta polo menos cunha dose da vacina

Galicia continúa achegándose aos dous millóns de persoas inmunizadas, con 1.923.957 galegos coa pauta completa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2021 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

Galicia avanza no proceso de vacinación da mocidade menor de 20 anos, con case 20.000 persoas máis vacinadas coa primeira dose; en total, 69.614 persoas vacinadas. Ademais, Galiccia tamén conta con 4.490 persoas inmunizadas máis respecto da última xornada, co que os galegos coa pauta completa ascenden ata as 1.923.957 persoas --o 78,39% da poboación diana, e o 71,25% da poboación xeral, vital para a inmunidade de rabaño--.

Así se reflicte no balance feito público polo goberno galego este sábado, no que tamén se actualizaron os datos sobre o número total de doses recibidas e as administradas. Tal e como informou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, Galicia recibiu este venres unha nova partida de doses de Moderna --que se destinará á vacinación dos nenos de 12 e 13 anos o vindeiro luns--, co que as reservas aumentan ata as 3.956.505 doses, das que se administraron 3.885.780 (o 98,21%).

Dos datos dedúcense que a última xornada destinouse á inoculación de primeiras doses á mocidade menor de 20 anos --con case 20.000 persoas máis coa primeira picada nesta franxa de idade-- tal e como se contemplaba na planificación difundida por Sanidade.

PREVISIÓNS DE VACINACIÓN

Así, este venres a vacinación centrouse en primeiras doses para o rango de 29 a 16 anos, así como en repescas. Por áreas sanitarias, citarase a 5.744 persoas na de Coruña; 2.699 na de Lugo; 2.688 na de Ourense; 3.656 na de Pontevedra; 7.150 na de Vigo; 4.907 na de Santiago de Compostela; e 1.818 na de Ferrol.

Deste xeito, durante toda esta semana avanzouse na inmunización das persoas menores de 20 anos de idade, algunhas das cales xa recibiron a súa primeira dose cando se abriu o sistema de autocita (con 25.000 convocados) para tentar poñer freo á alta incidencia das infeccións entre a mocidade. Para este fin, citouse a 56.000 persoas de entre 16 e 29 anos de idade para recibir a súa primeira dose. Segundo informou a Consellería o pasado fin de semana, as citacións realizáronse polo método habitual, enviando un SMS ao móbil, e non haberá autocita.

GRUPOS DE IDADE

Segundo os datos publicados por Sanidade, ata agora foron inoculados 175.926 mozos e mozas de entre 20 e 29 anos de idade (+306), un 72,22% da poboación nesta franxa susceptible de recibir a vacina. Mentres, recibiron polo menos unha dose 253.358 persoas de entre 30 e 39 anos de idade (+275), o que supón o 78,36% do grupo; e a poboación maior de 40 anos que recibiu polo menos unha dose ascende a 1.642.730 persoas (+1.242), un 95,50% da poboación diana.

Con respecto ás persoas menores de 20 anos, foron vacinadas 69.614 (+19.728), a maioría delas (69.389) corresponden á franxa de idade de entre 15 e 19 anos. En total, hai 2.141.628 persoas que recibiron polo menos unha dose da vacina contra a covid, un 87,23% da poboación diana e un 79,32% da poboación na súa totalidade.

POR VULNERABILIDADE

Por condición de vulnerabilidade, os datos actualizados por Sanidade reflicten que se administrou polo menos unha dose a 59.814 (+2) persoas con condicións de alto risco e persoas dependentes (institucionalizadas e non institucionalizadas); mentres que, destes colectivos, 59.333 (+8) persoas contan xa coa pauta completa.

En canto ás persoas vacinadas por probabilidade de exposición, foron vacinadas con polo menos unha dose 145.431 traballadores sanitarios, sociosanitarios e esenciais (sen cambios); mentres que 143.415 contan coa pauta completa (+46).

Varios mozos acoden a un dispositivo de vacinación contra a Covid-19 na Cidade da Cultura / Europa Press. / Europa Press
Varios mozos acoden a un dispositivo de vacinación contra a Covid-19 na Cidade da Cultura / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta