PSdeG reclama que Feijóo informe das listas de espera en Primaria e deixe a "estratexia da avestruz"

Con respecto á Primaria, Gonzalo Caballero, apuntou que a existencia de listas de espera "estruturais e habituais" nun servizo como este "é unha quebra que implica o fracaso do conxunto do sistema sanitario".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 23/08/2021 | Actualizada ás 15:50

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG e portavoz parlamentario, Gonzalo Caballero, reclamou este luns a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que faga público un informe "detallado" das listas de espera na Atención Primaria, un problema que se converteu en "estrutural", e criticou que o goberno galego recoñeza que "a situación é preocupante" sen adoptar medidas para porlle solución.

Así o trasladou o líder dos socialistas galegos nunha comparecencia ante os medios diante da PAC da rúa Pizarro en Vigo, onde advertiu de que "non pode ser que unha sanidade pública do século XXI asuma que hai que esperar 1, 2 ou 3 semanas para ter unha cita co médico de cabeceira ou co pediatra". "Isto é o que está a pasar agora en Galicia", denunciou.

Por iso, esixiu ao goberno de Feijóo que faga público un informe sobre esas listas de espera este verán en todas as áreas sanitarias, e reclamou ao presidente galego que "abandone a política da avestruz" e "explique os seus desastres".

De feito, a Deputación Permanente do Parlamento galego debaterá este mércores a petición do grupo parlamentario do BNG para que Alberto Núñez Feijóo compareza de forma extraordinaria ante o Lexislativo, co fin de dar conta do rexeitamento do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) á obrigatoriedade de presentar o coñecido como certificado covid para entrar en negocios de hostalaría.

Con respecto á Primaria, Gonzalo Caballero, apuntou que a existencia de listas de espera "estruturais e habituais" nun servizo como este "é unha quebra que implica o fracaso do conxunto do sistema sanitario", xa que os galegos teñen que buscar "outros mecanismos" para ser atendidos, como recorrer ás Urxencias ou mesmo á sanidade privada.

Segundo criticou Caballero, o propio conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, "asumiu" que haberá que "esperar dous anos" para que a Primaria volva ao nivel de atención previo á pandemia, e recoñeceu o aumento do período de espera para consultas de especialistas ou intervencións cirúrxicas. "Recoñece que a situación é preocupante, pero o máis preocupante é que o conselleiro non ten resposta, nin solución, nin un plan, e cada semana que pasa a situación é peor", denunciou.

A iso súmanse outros "fracasos", como o "freo" á Lei de Saúde Pública galega por parte do Tribunal Constitucional, a "rectificación" sobre a distribución de vacinas ás Comunidades por parte do Goberno ("recoñecendo que o Goberno o estaba facendo ben"), o "colapso" do sistema de autocitas para mozos, ou a última resolución do TSXG, que tomba a esixencia de certificado Covid para o acceso ao interior da hostalaría.

VACINACIÓN

Así mesmo, Gonzalo Caballero volveu a afear á Xunta a súa estratexia política de "deslealdade" con respecto ao proceso de vacinación, un proceso que "funciona" grazas á estratexia do Goberno de España, "da man da UE, da ciencia e dos profesionais sanitarios".

Para o secretario xeral do PSdeG, o éxito da vacinación é "a gran noticia" do 2021, a pesar dos agoiros do presidente galego de que non se inmunizaría á poboación no prazo anunciado, uns vaticinios nos que "errou". Na mesma liña, tamén criticou, por "errada", a estratexia "do nacionalismo", que "recetaba vacinas rusas, chinesas ou cubanas".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ás portas da PAC da rúa Pizarro de Vigo, xunto a parlamentarios e outros cargos do partido.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ás portas da PAC da rúa Pizarro de Vigo, xunto a parlamentarios e outros cargos do partido. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta