A auga dos encoros galegos segue á baixa e a reserva hídrica sitúase xa ao bordo do 50%

Os alcaldes dos municipios da conca Miño-Sil alertan dunha situación que "preocupa".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2021 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

Os encoros galegos perden auga almacenada unha semana máis e a reserva hídrica encamíñase a situarse por baixo da metade da súa capacidade, unha situación que os alcaldes dos municipios das concas, especialmente na Miño-Sil, consideran que entra en terreo "preocupante".

Así, segundo os datos facilitados este martes pola Administración central, os encoros de Galicia perderon outros 49 hectómetros cúbicos de auga que fan que as súas reservas estean ao 50,9% da capacidade con cóntana.

Deste xeito, suman 1.892 hectómetros cúbicos polos 1.941 de hai unha semana, o que supón unha perda de 1,4 puntos porcentuais nos últimos sete días.

A conca Miño-Sil é a que peores datos presenta ao atoparse ao 47,8% da súa capacidade despois de perder outros 34 hectómetros cúbicos de auga ata quedar en 1.449. Pola súa banda, os encoros da demarcación Galicia-Costa están ao 64,8%, ao pasar de 458 a 443, 15 hectómetros menos que hai sete días.

Unha tendencia á baixa que tamén se dá a nivel estatal, cos encoros ao 45,5% da súa capacidade total, cando hai unha semana estaban ao 44%. Os últimos datos cifran en 24.571 os hectómetros cúbicos almacenados, 782 menos que a pasada semana.

CONCA MIÑO-SIL

Na conca Miño-Sil os encoros que rexistran a menor cantidade de auga son os das Portas e Cenza --Vilariño de Conso-- cun 15% da súa capacidade, seguidos polos de Albarellos --Boborás--, ao 25%, e o de Salas --Muíños--, ao 27 %.

O rexedor de Muíños, Plácido Álvarez, trasladou, en declaracións a Europa Press, que a situación "é triste" e que a situación en Salas "pouco pode empeorar", aínda que espera que non baixe o nivel no encoro das Cunchas.

"Nas Cunchas, cun 38%, que non empeore. Polo menos aínda podemos facer algún deporte náutico", sinalou Álvarez, que advirte que os pantaláns "van quedar inservibles" porque o encoro "está a piques de quedar seco".

Ademais, neste municipio, á redución de auga no encoro súmase o problema das cianobacterias que lles afectou todos os anos. "Estiveron aquí os da Confederación Hidrográfica recollendo mostras e darannos os resultados proximamente. De momento temos campamentos na praia do Corgo", comentou.

En canto a Cenza e As Portas, en Vilariño de Conso, a alcaldesa, Melisa Macía, esixe "unha resposta por parte da Confederación e por parte do goberno".

"Aquí os agricultores teñen que pedir permisos, pagar taxas, facer un pouco de todo para poder regar os seus campos e para outras cousas dan a calada por resposta", criticou antes de pór o acento en que a situación "é moi mala" nas Portas, o encoro máis grande de Ourense e que se emprega para cargar hidroavións dos efectivos anti incendios.

"Actualmente en Cenza non se pode e nas Portas, a pesar de que sexa máis ancho e máis longo, eu diría que tampouco", manifestou a rexedora.

Con todo, afirma que o concello non ten problemas de restricións de auga porque o abastecemento non é dos encoros. "Se chegase estariamos agora mesmo nunha situación moi grave", censura.

"Este mércores temos unha reunión coa conselleira e espero que teñamos algunha resposta ou algunha explicación porque isto non é nin medio normal. Estamos por baixo do nivel legal", aseverou.

CONSUMO IRRESPONSABLE

Un dos concellos ourensáns que emitiu un bando alertando da situación da subministración de auga potable foi o de Pereiro de Aguiar, aínda que no seu caso non pola relación directa cos encoros senón por un consumo excesivo. Por iso, o goberno local fixo un chamamento aos veciños e habitantes non empadroados, que usan as súas vivendas no período estival, para que realicen "un consumo racional".

Deste xeito, prohibiron encher piscinas ou depósitos e tampouco regar explotacións agrícolas ou hortas con auga potable, entre outras medidas.

"É unha situación de pre-emerxencia, por iso solicitamos un esforzo de colaboración para manter as reservas o máximo tempo posible e evitar no futuro cortes selectivos", explican fontes do Concello de Pereiro de Aguiar consultadas por Europa Press.

"IGNOMINIOSO E VERGONZANTE SILENCIO"

Pola súa banda, o PSOE provincial denunciou o "ignominioso e vergonzante silencio" do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que ocupa o cargo de vicepresidente da Federación Nacional de Asociacións e Municipios con Centrais Hidroeléctricas e Encoros. Os socialistas critican que "o presidente aínda non abriu a boca" para falar de "un asunto de especial gravidade" que xera "preocupación, intranquilidade e alarma social".

"Baltar só quere ese título para presumir de puestecitos pero non para traballar", acusou a formación, que ve "indignante" que "abandone aos alcaldes e alcaldesas ante o baleirado indiscriminado dos ríos".

Vista xeral sobre o estado do encoro de Cenza na conca Miño-Sil. Rosa Veiga - Europa Press
Vista xeral sobre o estado do encoro de Cenza na conca Miño-Sil. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta