A oposición acusa a Feijóo de "agocharse" ao rexeitar o PP que explique o 'non' do TSXG ao pasaporte covid

BNG e PSdeG esixen "explicacións" ao presidente da Xunta, ademais de "depurar responsabilidades" no caso dos nacionalistas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/08/2021 | Actualizada ás 13:14

Comparte esta noticia

A deputación permanente do Parlamento galego rexeitou, cos votos en contra do PP, a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nun pleno extraordinario, como pedía a oposición (BNG e PSdeG), para dar explicacións tras o auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou a obrigatoriedade de presentar o certificado covid para acceder ao interior de establecementos de hostalaría.

A petición partiu do BNG e o seu deputado Luís Bará esixiu na súa intervención a comparecencia de Feijóo para "que asuma os erros, pida desculpas e depure responsabilidades". Neste sentido, reclamoulle "responsabilidades ao máis alto nivel", en forma de "destitucións ou dimisións das persoas responsables desta chapuza legal e deste atropelo de dereitos".

Por parte do PSdeG, o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, que tamén falou de "chapuza" e "ilegalidade freada" polos tribunais, incidiu en que o presidente da Xunta "ten que volver das vacacións e dar resposta aos galegos", ademais de "asumir os erros". "Está escondido, e non merecemos este Goberno", apostilou o líder dos socialistas, antes de recriminar a Feijóo que si compareza este domingo nun acto de partido xunto ao líder nacional do PP, Pablo Casado, pero non na Cámara autonómica.

"DEMONIZAR" AO SECTOR

Na súa quenda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, argumentou que "os conflitos xurídicos resólvense nos tribunais" antes de defender a medida tombada pola xustiza, ao considerar que non foi "improvisada" posto que estaba "avalada" polo comité clínico e "consensuada" co sector.

Así mesmo, alegou que estaba "xustificada epidemiolóxicamente, limitada no tempo" e era "transparente". É "algo que están a adoptar outros países como Francia, Suíza e Alemaña", engadiu. Pola súa banda, os portavoces da oposición neste debate lembraron que os xuíces falan dunha decisión "ineficaz".

"VAI A SEGUIR AGOCHADO"

Xa no peche, Bará lamentou a posición do grupo maioritario "polo veto á comparecencia". "Está claro que ao PP moléstalle o debate e o señor Feijóo vai seguir agochado", recriminou.

O nacionalista tamén acusou a Puy de falta de "coherencia" xa que no Congreso, que este mércores reúne á súa deputación permanente, o PP pide comparecencias. "Alí si e aquí non", espetoulle, despois de que o popular presumise do "ritmo bastante razoable" do Parlamento galego ao reunir por segunda vez a este órgano.

Tanto o BNG como o PSdeG advertiron das "consecuencias demoledoras" que a medida do pasaporte covid tivo sobre o sector, polo que reclaman un plan de indemnizacións e compensacións.

Ademais, os dous grupos da oposición denunciaron a situación da sanidade pública, con carencias en atención primaria "que tivo que recoñecer" o conselleiro, ao que afearon a súa xestión.

Reunión da deputación permanente do Parlamento. CAPTURA
Reunión da deputación permanente do Parlamento. CAPTURA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta