125 aniversario da banda de música de Antas de Ulla: "é fundamental demostrarlle á cidadanía o que se fai aquí"

A presidenta, Alba Val, destaca a importancia que ten a música e de que haxa unha banda que leve o nome do concello por todos os sitios. Esta semana están organizando concertos e conferencias para celebrar o longo percorrido da compañía.

Por Patricia Otero | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/08/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

O concello lucense de Antas de Ulla está de celebración. A súa banda de música cumpre 125 anos cunha celebración por todo o alto. Deste o sábado pasado e ata este sábado 28 de agosto están tendo lugar todos os días un concerto ás 20:00 horas e conferencias e clases maxistrais das persoas que forman estes grupos polas mañás e polas tardes ata as 18:30 horas.

Foto antiga da Banda de Música de Antas de Ulla - cedida
Foto antiga da Banda de Música de Antas de Ulla - cedida

Esta iniciativa xurdiu logo de que na banda se deran conta que “polo tema da Covid a música quedaba regalada a un segundo plano”, explica a presidenta da banda, Alba Val. Entón eles quixeron poñer a música nun primeiro plano e que a cidadanía soubera que era un ano especial. “A parte do musical é moi importante denotar o valor que a banda ten a nivel cultural, de levar o nome de Antas a todos os sitios e de demostrarlle á cidadanía o que se fai aquí”, recalca a presidenta.

Esta semana chea de música comezou o pasado sábado 21 de agosto cun festival de bandas. Ademais, Val indica que o primeiro concerto que se fixo foi un musical infantil porque “queriamos chegar a un público infantil e que non todos os concertos foran músicos profesionais nin para persoas que estiveran vinculadas coa música”.

De feito, destaca que a acollida está sendo moi boa entre as persoas que non pertencen á banda, xa que estes concertos e conferencias non só están abertos aos membros da banda, senón que están abertos a toda a poboación. “A xente está moi contenta de que se estea facendo isto e de que se estea visibilizando a importancia que pode ter para Antas o renome da banda e a importancia da música”, di Val. 

PUBLICACIÓN DUN LIBRO PARA COÑECER ESTES 125 ANOS DE HISTORIA

Aínda que a gala central de celebración do aniversario se vai a celebrar este sábado 28 de agosto, en Nadal tamén esta previsto que se celebre outra gala. Pola outra banda, tamén se vai a publicar nestas datas un libro que vai contar toda a historia do grupo. “Pretendemos que quede plasmado o que supuxo a banda nestes 125 anos. Cremos que é moi importante facer esta labor porque senón pode que quede no esquecemento se non se recolle”, comenta a presidenta.

A PANDEMIA NON FREOU A SÚA ACTIVIDADE

Alba Val confesa que tiñan preparadas máis actividades para celebrar ese ano pero que por mor da pandemia “tivemos que parar”. Con todo, destaca que as ganas por facer música fixeron que nunca pararan de traballar. As clases continuaron desenvolvéndose online e destaca que “a pandemia permitiu que se levaran a cabo outros proxectos”.

Na actualidade puntualiza que xa están volvendo a normalidade, xa que agora están ensaiando todos xuntos, unha situación que en plena pandemia non era posible. “A situación que temos agora en Antas permítenos ensaiar todos xuntos ao aire libre e gardando todas as medidas”, finaliza a presidenta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta