Unha defensa (desapaixonada) do modelo de Boloña

Nos últimos días véñense escoitando voces críticas coa aplicación do modelo de Boloña nas universidades galegas. Por non ser menos, pretendo neste artigo amosar a miña opinión ao respecto; opinión construída a partires da experiencia como docente universitario e non – téñase en conta- como experto ou estudoso do tema.

Por Manuel González L. | Compostela | 19/01/2014

Comparte esta noticia
O detonante parece ser que foi a data dos exames da convocatoria do primeiro cuadrimestre, xusto á volta das vacacións do Nadal, unha cuestión illada que nada ten que ver coa filosofía do modelo universitario Europeo. De feito en cursos pasados non acontecía así, senón que os exames desa convocatoria comezaban na terceira semana de Xaneiro. Así acontece este mesmo curso noutras universidades españolas, polo que semella ser unha opción escollida no sistema universitario galego, por moito que algúns “opinadores” aproveitaran para pontificar sobre os males da universidade española en xeral (si, tamén para equivocarnos debería servir a Autonomía da que nos dotamos). Efectivamente, non semella ter moito sentido realizar as probas de avaliación xusto á volta dun período de teórico descanso, pola mesma razón que era aínda peor o sistema que imperou durante varias décadas e que foi substituído polo actual, que fixaba os exames de recuperación a primeiros de setembro, logo dunhas vacacións tres veces máis longas que as de Nadal. Non pasou tanto tempo. Se falamos de datas de exames, a miña experiencia dime que a celebración dos exames de recuperación entre finais de xuño e primeiros de xullo, é un grande acerto pois entre outras cousas evita o “desconecte” estival dos estudantes (e profesores). Quen lles escribe tampouco entende cal é o problema de concentrar en seis meses tódolos exames do curso (cun período de catro meses polo medio). Poderemos discutir o sistema de avaliación, pero o anterior aspecto paréceme trivial. 
 
Todo o anterior non é óbice para afirmar que a implantación (non o modelo) de Bolonia nas universidades galegas deixa moito que desexar. É certo que non todo é negativo e que na filosofía de promover a autonomía dos estudantes, a división de clases expositivas, interactivas e titorías (que case en ningures son presenciais, por falta de capacidade), serviu para deixar un pouquiño atrás o sistema absurdo de aulas maxistrais onde a avaliación de coñecementos consistía en reproducir non exames o exposto polo profesor coa mínima desviación posible, sen reflexión algunha. Se non se avanzou máis neste eido foi por dúas razóns, en primeiro lugar pola inexistencia de recursos suficientes que posibiliten unha atención máis personalizado ao alumnado e, en segundo lugar, polas resistencia a mudar o “chip” por parte do noso gremio. Se as aulas seguen a impartirse á maneira de sempre, o sistema seguirá sendo o de sempre e dando os resultados de sempre. Mais non se trata unicamente dunha cuestión de recursos ou de mudanzas de rutinas, senón tamén de ordenamento dos plans de estudo. O número de materias dos grados é excesivo, canto menos en comparación coa media Europea, ao igual que tamén o son as horas de docencia presencial. Como consecuencia elévase a carga docente dos profesores. Unha redución de materias e das horas presenciais axustaría tamén a carga lectiva, resultando en máis tempo para a atención personalizada dos alumnos e para a investigación. Trátase dunha cuestión de eficiencia. Na miña opinión, se non se camiñou nesa dirección foi por unha resposta ate certo punto racional dos departamentos e facultades diante da lóxica institucional existente. Así, os plans da Xunta de Galicia e do Ministerio de Educación foron e van (agora con máis forza se cabe) no sentido oposto: cargar aos profesores de máis horas, baixo a filosofía de que sobra profesorado e de que traballamos pouco. Diante deste escenario non é raro que os departamentos loitaran para encher ás titulacións de materias (as súas), e dese xeito evitar reducir dimensión e capacidade de incidencia. 
 
Finalmente, aínda que este é un tema diferente e máis profundo, coido que é importante reflexionar sobre cal é o modelo máis acaído para equilibrar e compaxinar a labor docente coa investigadora. Mesmo se é pertinente manter como figura principal a do profesor docente e investigador cando en moitos casos só se realiza convenientemente unha das funcións. Do mesmo xeito, é moi necesario facer valer os resultados da avaliación tanto da calidade docente como da calidade investigadora para incrementar a eficacia  e a eficiencia do sistema. Se hai algún sector do sistema público onde iso non debería resultar complicado, este é o da educación universitaria. Poñámonos a iso e deixemos discusións de cafetería (universitaria). 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel González López Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.