Ponteareas critica a multa por ter a dependentes na súa residencia e a Xunta alega que non cumpre os requisitos

A edila de Benestar Social sinala que "curiosamente, o goberno galego é a causa de que se produza a situación que eles mesmos denuncian".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 25/08/2021 | Actualizada ás 20:46

Comparte esta noticia

O Concello de Ponteareas emitiu un comunicado no que confirma que a residencia de maiores Santa Ana, que é municipal, foi sancionada pola Xunta, ao ter ao seu coidado a maiores dependentes cando as prazas deben ser para usuarios con autonomía, e criticou que se produciu unha "penalización por protexer a saúde dunhas persoas que desatende a Xunta".

A concelleira de Benestar Social do concello ponteareán, Verónica Carreira, sinalou que a administración local dedica uns 2 millóns de euros á xestión de recursos impropios, que son "deber do goberno galego".

A ese respecto, sinalou que a acollida na residencia de persoas dependentes débese a que eses usuarios "non teñen outra alternativa asistencial" e "levan tempo esperando por unha praza nun centro especializado dependente da Consellería de Política Social que non termina de chegar". Por iso, para "protexer" a esas persoas, o Concello decidiu "mantelas dentro do servizo", a pesar de non ser a súa competencia.

"Curiosamente, o goberno galego é a causa de que se produza a situación que eles mesmos denuncian", apuntou a edila e reclamou que se arquive o expediente sancionador, xa que as institucións públicas "deben estar na procura do benestar social das persoas".

Esta sanción chega despois doutras multas e varios apercibimentos, que foron alegadas polo Concello. O importe total que se reclama á administración local é de 10.003 euros.

Pola súa banda, fontes de Política Social consultadas por Europa Press confirmaron a sanción e lembraron que o expediente se abriu por incumprimento da normativa. Respecto diso, explicaron que "non se poden facer excepcións" e que todas as residencias, sexan da titularidade que sexan, "teñen que cumprir a lei".

Nese sentido, explicaron que, para que unha residencia poida acoller a persoas dependentes, ten que cumprir uns requisitos relacionados con cuestións diversas (estruturais, de persoal, medios técnicos, etc.) e que, se non os cumpren, non poden atendelos, xa que "se trata de garantir o coidado e a atención" nunhas condicións que, ademais, están reguladas legalmente.

As mesmas fontes sinalaron que esta residencia foi apercibida en varias ocasións nos últimos anos por non 'pasar' as inspeccións e que se comunicou ao centro en varias ocasións as medidas que debe adoptar. Ao non dar resultado eses trámites, engadiron, incoouse o expediente sancionador.

Concello de Ponteareas
Concello de Ponteareas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta