Portas celebrará unha xunta de portavoces para mostrar a súa "repulsa" ante o peche da sucursal de Abanca

Un amplo dispositivo velará polo cumprimento das medidas fronte á covid durante a manifestación de Campo Lameiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2021 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, convocou de urxencia unha xunta de portavoces para este venres "indignado" polo anuncio de peche da sucursal de Abanca neste municipio.

Ante esta noticia, o concello celebrará a semana que vén un pleno extraordinario para manifestar a súa "repulsa" ante esta medida e anuncia xa "accións de protesta".

Únese así a outras localidades como a de Campo Lameiro, que este venres acollerá unha manifestación convocada polo Consistorio e que contará cun amplo dispositivo de Protección Civil para velar polas medidas que tratan de evitar contaxios de coronavirus.

"Estamos seguros de que a mobilización terá un masivo respaldo veciñal, como seguros estamos de que imos retirar todos o diñeiro do banco se nos pechan a oficina", lembrou o primeiro edil de Campo Lameiro, Carlos Costa.

A BAÑA, VIMIANZO, ZAS...

Pola súa banda, en Portas, tanto o rexedor como o tenente de alcalde, Alfonso Vázquez, manifestaron a súa "indignación" despois da reunión este xoves con responsables da área e de zona da entidade financeira.

Segundo apunta o Concello, estes responsables trasladaron a decisión "irrevogable" de pechar a súa sucursal en Portas o próximo 22 de outubro. Este anuncio súmase a outros realizados nas últimas semanas en municipios como A Baña, Vimianzo e Zas, os tres na provincia da Coruña.

A xunta de portavoces este venres terá lugar ás 9,30 horas "para tomar as medidas precisas de protesta e rexeitamento desta decisión" que, segundo o Consistorio, "condena" a Portas a quedar "sen servizos bancarios".

Portas, indignado polo anuncio de peche de Abanca. CONCELLO
Portas, indignado polo anuncio de peche de Abanca. CONCELLO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta