Hostaleiros de Santiago piden que os cambios nas restricións sexan os luns e así non prexudicar o fin de semana

A asociación inicia co PP unha rolda de contactos cos grupos e o PSdeG avanza iniciativas para demandar compromisos á Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2021 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

A asociación Hostalaría Compostela reclamou que os cambios nas restricións que afectan os negocios de hostalaría e lecer nocturno se realicen os luns en lugar de, como é habitual, o sábado para que, así, non teñan impacto nas previsións dos establecementos durante as fins de semana.

Esta foi unha das peticións que representantes da asociación puxeron sobre a mesa durante o encontro mantido cos deputados do PPdeG Paula Prado e Borja Verea, con quen abriron unha rolda de contactos cos grupos con presenza no Parlamento galego.

Na reunión, Hostalaría Compostela, que representa a 600 establecementos da capital galega, tamén manifestou a "preocupación" que existe no sector "por non estar a cumprir coas expectativas dos turistas" que visitan Santiago ao atoparse unha cidade "abarrotada" e cunha hostalaría "que non pode dar resposta a todas as súas demandas debido ás restricións".

Ademais, advertiron que o ritmo de recuperación é desigual en función das características do negocio, aínda que se mostran preocupados polo freo que esperan nas visitas de turismo nacional a partir de setembro e que estiman que terá maior impacto en hoteis e pensións.

"Veñen por diante seis meses moi duros", sinalou o directivo da asociación e responsable de Hotel San Lorenzo, Carlos Regueiro, quen avisou que será "moi difícil manter a todos os traballadores recuperados dos ERTES" e que, mesmo, algúns negocios terán problemas para manterse abertos.

Pola súa banda, segundo recolle un comunicado, os deputados do grupo maioritario na Cámara comprometéronse a trasladar ao Goberno galego as reivindicacións da asociación, a quen felicitaron pola súa nova directiva e convidaron a manter as canles de interlocución para acordar medidas sobre a pandemia.

PSDEG AVANZA BATERÍA DE INICIATIVAS

Así mesmo, o grupo do PSdeG na Cámara galega mantivo un encontro coa Plataforma Galega en Defensa da Hostalaría para coñecer a situación do sector e solicitar as súas propostas.

Neste sentido, a deputada socialista Leticia Gallego avanzou a presentación dunha batería de iniciativas parlamentarias para reclamar á Xunta a adopción dun paquete de axudas directas ao sector hostaleiro "a curto e longo prazo".

Gallego criticou que o Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo "fora de vacacións sen pedir autorización xudicial" para implantar o certificado covid na hostalaría, un sector para o que reclama "medidas estables".

Varias persoas na terraza dun restaurante o día en que o TSXG declara nula a petición de certificado Covid para entrar en hostalaría. César Arxina - Europa Press
Varias persoas na terraza dun restaurante o día en que o TSXG declara nula a petición de certificado Covid para entrar en hostalaría. César Arxina - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta