A construción e a COVID, medidas de seguridade nun dos primeiros sectores económicos en Galicia

As medidas de seguridade e prevención contra a COVID na construción non foron doadas de aplicar, sobre todo no comezo. O sector viviu uns momentos caóticos no primeiros compases da pandemia. Falta de material sanitario, cumprimento de normas e sobre todo o medo á incerteza que daban os ERTE. Este é un breve percorrido sobre as impresións de forzas sindicais durante a época COVID.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 29/08/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O sector da construción viña mallado pola crise económica de 2008 e do estoupido consecuente da burbulla inmobiliaria en España. Lentamente foi recuperando posicións que perdera cando o ladrillo deixara de ser un segmento seguro para investir. Co tempo foise recuperando a confianza aínda que paseniñamente. Cando os ánimos comezaban a medrar entre os empresarios do cemento a COVID caeu como unha bomba, mais a reacción do Goberno central e dos autonómicos, para moitos e moitas unha reacción serodia, permitiu amortecer o impacto do que se prevía como outra caída da construción nun novo burato. Os ERTE axudaron ao sector, aínda que tamén recibiron as súas críticas e así e todo, o sector, sobre todo o das PEMES e autónomos, cuxa base son as reformas e obras pequenas, soportou mellor o empuxe da crise COVID. Mais, que aconteceu en canto a aplicación das medidas sanitarias de seguridade?

Edificio en construción - Arquivo
Edificio en construción - Arquivo

PRIMEIROS MOMENTOS

“Foi un descontrol ante a falta de medidas e insumos de proteción, por iso pedimos parar as obras” di Plácido Valencia de CIG Construción. Daquela nin administracións nin empresas entendían o comportamento do virus. Coñecían o que podía suceder grazas aos medios e ao que informaban as autoridades. Houbo un caos en canto se quixo xuntar equipamento para evitar os contaxios ou cando se estableceron as normas para gardar distancia de seguridade.

Durante o primeiro ano observabas ausencia ou falta de atención ás normas de seguridade, mesmo nalgunhas obras o persoal comía sentado sobre material” di Valencia. A falta de recursos durante os primeiros meses de 2020 e despois da corentena, trouxo situacións que se viviran en décadas pasadas apunta o representante da CIG.

Santiago Andión, de UGT, considera que é necesario distinguir entre as pequenas empresas e as grandes en canto concienciación sobre seguridade sanitaria. “Todas as empresas tiñan os mesmos protocolos santiarios e aínda que houbo sancións, podemos dicir que houbo responsabilidade por parte de traballadores e empresarios”. E non foi doado, pois cando se adoptaron as distancias de seguridade houbo que realizar quendas para as duchas, para cambiar a roupa e isto atrasaba en ocasións tanto o traballo como a saída do mesmo.

Jesús Fernández, de CCOO, declara que “dentro das empresas pequenas, por exemplo, non houbo moitos problemas, tampouco é que nos chegaran moitas dos nosos delegados noutras máis grandes”. “O problema das distancias era o máis acuciante porque nalgúns casos houbo que traer máis alboios ou repartir as quendas de maneira máis extensa”.

ERTE E SEGURIDADE

Os ERTE axudaron a non destruír emprego na construción, nese sentido non vimos un comportamento diferente a outros sectores” di Fernández. Mais a pregunta é se o tempo de paralización das obras durante a corentena se recuperou empregando horas extraordinarias ou mediante subterfuxos.

“Puido haber casos de ERTEs a media xornada mais os traballadores non queren falar” di Plácido Valencia. Non se desbota a idea de dobres rexistros horarios nalgunhas empresas. Traballadores que cumpren con horarios marcados por lei, mais logo ditos horarios exténdense varias horas de máis para recuperar traballo que quedou parado.

“O peor dos ERTE foi a incerteza creada arredor deles e sobre todo, a incerteza de cobraren os salarios desde o SEPE, porque houbo atrasos e algúns importantes” sinala Santiago Andión. O medo de non saber cando se poderá volver ao traballo, ou peor, de se se podería volver ao traballo, foi a maior das preocupacións dos empregados na construción. “Tamén hai que dicir que de primeiras as empresas contaban cos ERTE para solventar a situación, mais co tempo viron que ese diñeiro non era abondo e moitas volveron á actividade”.

En canto se os ERTEs foron un freo á seguridade laboral a posteriori, unha vez que a maioría volveu ao traballo, implementar as medidas de seguridade foi difícil porque chocou co ritmo habitual. As distancias de seguridade respectáronse, e as fontes consultadas para esta reportaxe consideran que a incidencia non foi máis alta que noutros sectores por traballaren moitas veces ao aire libre.

A COVID dentro da construción non foi tan agresiva como esperaban, segundo algunhas das fontes consultadas. Houbo que investir en material e medidas sanitarias e aínda que se contaba cos ERTEs como amortecedor, a maioría das empresas abandonaron esa “zona de comfort” para retomaren a actividade. Había perdas e ninguén quería outra crise. Agora queda por saber de maneira máis profunda se ese regreso terá influído de maneira positiva ou negativa nos traballadores. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta