O BNG reclama unha "intervención pública" para "forzar" ás concesionarias de encoros a subir o nivel de auga

O Bloque solicita a paralización da orde que volve permitir a pesca recreativa nos portos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/08/2021 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

O BNG reclamou unha "intervención pública" orientada a "forzar" que as empresas hidroeléctricas concesionarias dos encoros a suban o nivel de auga que presentan algunhas das presas. Cargos e militantes da formación frontista desprazáronse este sábado a un dos encoros que presentan o menor nivel de auga nestes momentos, o de Cenza, en Vilariño de Conso, onde despregaron unha pancarta na que podía lerse 'Galiza produce, Madrid consome'.

Alí realizaron unha intervención simbólica para denunciar a situación "extrema" dalgúns encoros, que están, como é o caso o de Cenza e As Portas --ambos en Vilariño-- a un 15% da súa capacidade.

A deputada nacionalista no Parlamento galego Noa Presas denunciou o "espolio" e "roubo" que, ao seu xuízo, supón o "baleirado" dos encoros por parte de "grandes empresas enerxéticas como Iberdrola".

"Este verán estamos a ver non só como cada día se bate unha marca no prezo da luz, senón que, por encima, as eléctricas están a deixar territorios enteiros como este practicamente destruídos baixando o nivel de auga a límites insospeitados e sen pensar nas consecuencias", apuntou Presas. Nesta liña, advertiu que a caída do auga nestes encoros repercute na "forma de vida" dos veciños das zonas onde se asintan, ademais de "danar" o medio ambiente e "afectar a actividades como a pesca, o turismo ou o deporte acuático".

Asimesmo, chamou a atención sobre os posibles efectos da situación dos encoros na loita contra os incendios forestais, posto que é nas presas onde os medios aéreos cargan auga.

Por tanto, Presas instou á Xunta e ao Estado a tomar medidas fronte a unha situación "intolerable" que, para o Bloque, debe atallarse cunha "intervención pública" que force ás empresas a corrixir o baixo nivel de auga nas presas "de forma inmediata".

PESCA NOS PORTOS

Por outra banda, o Bloque tamén solicitou este sábado que Portos de Galicia paralice a resolución pola que volverá estar permitida a pesca recreativa nos portos galegos.

A deputada e portavoz de Pesca no Pazo do Hórreo Rosana Pérez avanzou a presentación dunha batería de iniciativas na Cámara autonómica que buscan que o Goberno galego reconsidere esta decisión.

A parlamentaria considera que a resolución do Executivo autonómico (responsable de Portos de Galicia) foi adoptada sen ter en conta ao sector e establece "de forma unilateral unha delimitación de zonas que nos son asumibles por ninguén".

Así, Pérez advertiu que as condicións establecidas provocarían que a pesca sexa unha actividade "absolutamente inasumible", polo que instou á Xunta a recapacitar a súa decisión e acordar un novo marco normativo co sector.

Acción simbólica do BNG no encoro de Cenza, en Vilariño de Conso (Ourense), para denunciar o baleirado dos encoros na Confederación Hidrográfica Miño Sil. BNG
Acción simbólica do BNG no encoro de Cenza, en Vilariño de Conso (Ourense), para denunciar o baleirado dos encoros na Confederación Hidrográfica Miño Sil. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta