Caballero tacha de "lamentable" que Feijóo "volva de vacacións" para facer de "teloneiro" de Casado

O líder dos socialistas galegos asegura que "Feijóo e Casado son as dúas caras dunha mesma moeda: un PP irresponsable e retrógrado".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2021 | Actualizada ás 16:56

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou que Núñez Feijóo "só decidise volver das súas vacacións" para "facer de teloneiro" de Pablo Casado no acto de apertura do curso político do Partido Popular en Cercedo-Cotobade. Caballero tachou esta actitude de "lamentable" tras "negarse" o presidente da Xunta de Galicia a "comparecer no Parlamento polos problemas dos galegos".

Nun comunicado, o líder dos socialistas galegos sinalou que "o mesmo Feijóo que se nega a comparecer no Parlamento, hoxe decide reaparecer correndo ante a chamada de Pablo Casado", o que para Caballero demostra que "Feijóo e Casado son as dúas caras dunha mesma moeda: o mesmo Partido Popular irresponsable e retrógrado".

Gonzalo Caballero lembrou as "perentorias deficiencias" que padece a sanidade pública --"con listas de espera inasumibles en Atención Primaria ou o peche de 600 camas en plena pandemia"-- ou a "nefasta" xestión da desescalada e da hostalaría durante o verán, "tal e como manifestou o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia".

Ademais, o secretario socialista apuntou que o Consello de Contas presentou un informe que "conclúe" que Galicia inviste en sanidade "moi por baixo doutras comunidades autónomas semellantes". A isto sumar, en palabras de Caballero, que o Goberno autonómico está a mostrarse "totalmente ineficaz" no que respecta á reactivación económica e social.

"É o gran obxectivo que debería marcar as liñas prioritarias de actuación das administracións públicas á vez que avanza no proceso de vacinación", defendeu Caballero que, lamentou ademais, que a Xunta ofreza "un balance desolador" porque "non ten estratexia de país para liderar a reactivación".

Neste sentido, o líder do PSdeG sinalou que, "tal e como demostra" o último informe do Consello de Contas de fiscalización de fondos europeos, o Executivo autonómico "deixou sen executar catro de cada 10 euros dos fondos europeos que chegan a Galicia".

O secretario xeral do PSdeG e portavoz parlamentario, Gonzalo Caballero, nun acto en Vigo.
O secretario xeral do PSdeG e portavoz parlamentario, Gonzalo Caballero, nun acto en Vigo. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta