Quedan sen cubrir máis da metade das autocitas ofertadas pola Xunta para a vacinación de 12 a 19 anos

Os maiores de 20 anos tamén poderán solicitar autocita o vindeiro venres 3 de setembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2021 | Actualizada ás 20:46

Comparte esta noticia

Menos da metade das autocitas ofertadas pola Xunta de Galicia para a vacinación dos mozos de entre 12 e 19 anos, cubriuse. Concretamente, dos 25.000 ocos que saíron o venres ás 15,00 horas, só se reservaron, ata as 20,00 horas do domingo, 12.000.

A vacinación mediante autocitas para esta franxa de idade comeza este luns e estenderase ata o martes, para o que o venres o departamento da Xunta puxo a disposición dos mozos 25.000 ocos que se podían solicitar ata as 00,00 horas do domingo. Con todo, esta mañá, Sanidade decidiu alongar este prazo e permitir a reserva durante todo o domingo.

E é que pese ao éxito das autocitas en ocasións anteriores --cando mesmo chegou a colapsar o sistema polo aluvión de solicitudes recibidas--, nesta ocasión, a afluencia non foi tan masiva. A pesar desta prórroga, tan só 2.000 mozos solicitaron vez para a vacina este domingo --as outras 10.000 quedaron reservadas xa este pasado sábado--.

Os maiores de 20 anos tamén contarán coa opción da autocita o vindeiro venres 3 de setembro, con 30.000 ocos que se poderán solicitar ata 48 horas antes.

Un grupo de menores esperan a ser vacinados da primeira dose da vacina Moderna na Cidade da Cultura. César Arxina - Europa Press
Un grupo de menores esperan a ser vacinados da primeira dose da vacina Moderna na Cidade da Cultura. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta