Por X.M. Fernández | Allariz | 31/08/2021 | Actualizada ás 09:00
Allariz quere seguir na avangarda da compostaxe comunitaria e para acadalo segue a investir en políticas medioambientais. Nunha nova campaña que vai activar contará cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia que está cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, sendo o investimento subvencionable de 13.750 euros, máis IVE para esta partida.
Esta achega permitirá a mellora de 8 zonas de compostaxe, incluíndo a colocación de 15 composteiros de gran capacidade naquelas zonas nas que o gran nivel de aportación así o require. Aproveitarase tamén para reparar, mellorar e regular o aporte nas zonas de acumulo de biomasa, que nalgúns casos están desbordadas polo uso continuo e masivo.
Na actualidade Allariz dispón dun número superior aos 100 composteiros nas súas áreas de compostaxe comunitarias, que complementan a función dos máis de 400 composteiros de uso individual dos que dispoñen aqueles propietarios que os solicitaron para as súas parcelas particulares e a recollida porta a porta nos grandes produtores.
COLABORACIÓN CON ADEGA E RETOS
Este ano, dentro deste mesmo programa, estase a executar en colaboración coa Asociación ADEGA a entrega de 150 composteiros máis para os usuarios que así o requiran, sendo estes totalmente gratuítos. E podendo solicitalo no mail: medioambiente@allariz.gal.
O propio Concello de Allariz agradece o compromiso co medio ambiente por parte da cidadanía e lembra que: "a veciñanza de Allariz, está a fronte da reciclaxe en Galiza, e agardamos que este ano se acade o 50% de lixo reciclado e/ou recuperado, tras o parón que supuxo o ano 2020 no desenvolvemento destes proxectos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.