Así están os concellos con máis do 90% da poboación vacinada... nalgúns aumentaron os casos covid

Alcaldes admiten que a vacinación "dá resultados" pero apelan á prudencia posto que "vacinación non quere decir inmunización" e constatan que teñen unha poboación envellecida.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/08/2021 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

Varios dos alcaldes dos municipios con maior número de poboación con pauta completa valoraron que a vacinación "dá resultados" e, aínda que se mostran "máis tranquilos", apelan á prudencia ao subliñar que "vacinación non quere dicir inmunización".

En concreto, o alcalde de Vilar de Barrio (Ourense) -- concello con máis número de persoas coas dúas doses postas, un 91,44%--, Manuel Conde Gómez, declarou a Europa Press que o seu municipio é o segundo con máis casos covid --oito en total-- dentro da comarca de Limia, polo que se mostrou prudente e confesou que "debemos ter os pés na terra".

Noutro sentido, a alcaldesa de Larouco (Ourense), Patricia Lamela, e o alcalde de Montederramo (Ourense), Antonio Rodríguez Álvarez -- municipios cun 90,30% e un 91,42% de poboación con pauta completa, respectivamente--, expuxeron que están "moi contentos".

No caso de Larouco, Patricia Lamela admitiu que este verán houbo algún brote de persoas vacinadas de avanzada idade por visitas familiares pero que, afortunadamente, "quedou nun susto". Así mesmo, os outros municipios con máis persoas coas dúas doses da vacina contra a covid administrada son os concellos lucenses de Baleira, cun 91,18%; e Abadín, co 90,77%.

POBOACIÓN MAIOR DE 85 ANOS

Desta maneira, todos os gobernantes dos concellos coincidiron en que a principal razón destas cifras de vacinación é o alto número de persoas maiores que residen no municipio.

Neste sentido, os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) indican que, en 2020, o maior número de poboación en Galicia concentrábase no rango de idade maior de 85 anos nos cinco municipios con máis poboación con pauta completa.

Así, o concello de Vilar de Barrio contaba en 2020 con 153 persoas maiores de 85 anos; o de Montederramo con 85; Baleira con 125; Abadín con 251; e Larouco con 67. Ademais, a disparidade de cifras débese á diferenza no número de persoas censadas. Así, segundo cifras do 2020 do IGE, Vilar de Barrio ten 1283 habitantes; Montederramo 699; Baleira 1226; Abadín 2322; e Larouco 417.

AVANCE DA VACINACIÓN

Segundo os datos publicados este luns pola Consellería de Sanidade, nas últimas 24 horas non se produciu cambios significativos no que respecta á administración de vacinas, xa que só se notificaron 18 novas doses administradas, que supoñen12 persoas máis coa pauta completa.

Así, en Galicia recibíronse 4.074.675 dose das vacinas contra a Covid, das que se administraron 4.052.882 (o 99,46 %), e hai 2.007.204 persoas coa pauta completa, que supoñen o 81,7 % da poboación diana, e o 74,34 % da poboación galega total.

Vacinación cotra a covid-19 no Hospital Marítimo de Oza / M. Dylan - Europa Press.   / Europa Press
Vacinación cotra a covid-19 no Hospital Marítimo de Oza / M. Dylan - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta