Repunte dos novos contaxios, pero a taxa de positividade continúa por baixo do 5%

Os datos confirman a evolución positiva da pandemia en Galicia: baixan tamén a presión hospitalaria e as infeccións activas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2021 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

Os datos de evolución da covid publicados este mércores pola Consellería de Sanidade reflicten que continúa a evolución positiva da pandemia en Galicia, posto que melloran todos os indicadores. Aínda que os novos contagios repuntan lixeiramente e exceden os 300, a taxa de positividade das PCR (o número de positivos por cada 100 probas realizadas) continúa sendo inferior ao límite do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Ademais, as infeccións activas continúan á baixa, con 210 negativos máis nas últimas 24 horas, e a presión hospitalaria prosegue na liña de alivio que viña marcando nos últimos días, con 16 pacientes menos ingresados por covid nos hospitais galegos.

Así, segundo eses datos (que reflicten información solicitada ata as 18,00 horas do martes), nas últimas 24 horas rexistráronse 329 novos contaxios por Covid en Galicia, fronte aos 269 notificados un día antes.

Segundo notificou o Sergas, na última xornada detectáronse 70 novos contaxios na área sanitaria da Coruña, 74 na área de Lugo, 60 na área de Santiago, 42 na área de Vigo, 54 na área de Ourense, 15 na área Sanitaria de Ferrol e 9 contaxios novos na área de Pontevedra . Tendo en conta estes contaxios e as últimas altas epidemiolóxicas (535), o número de casos activos de Covid en Galicia sitúase en 7.812, 210 casos menos que hai un día.

Os casos activos descenden en todas as áreas, excepto a de Ourense, que experimenta un lixeiro incremento con 20 infeccións activas máis (695 en total). Ademais, a de Santiago non rexistrou cambios nas últimas 24 horas e mantense con 1.317 casos.

Deste xeito, A Coruña continúa á cabeza da relación de casos activos, con 1.993 (90 menos); seguida pola área de Lugo, con 1.402 casos (35 menos); e pola de Vigo, que conta con 1.347 infeccións activas tras negativizarse 44. Na área de Santiago son 1.317 casos activos (sen cambios); na de Ourense hai 695 casos (20 máis); na de Pontevedra hai 529 casos (28 menos); e na de Ferrol son 529 infeccións activas (36 menos).

PRESIÓN HOSPITALARIA

Con respecto á presión hospitalaria, nas últimas horas contabilizáronse 52 pacientes en UCI (tres menos que nas últimas 24 horas) e 156 hospitalizados en unidades convencionais (13 menos). Por áreas, baixa en cinco das sete zonas sanitarias. Só aumenta lixeiramente na área sanitaria da Coruña, con 44 pacientes en planta (+2) e 17 en UCI (+1); e na Santiago, con 17 camas ocupadas en unidades convencionais (+2) e cinco en críticos (+1).

O descenso máis marcado en canto a carga asistencial rexístrase na área de Vigo, con 27 hospitalizados en plantas covid (-6) e dez en UCI (-1). En Ferrol, contan con 17 pacientes en unidades convencionais (-4) e cinco en unidades de críticos (-1); e na de Lugo, mantéñense o catro hospitalizados en coidados intensivos (sen cambios), pero baixan as camas ocupadas en planta (-5), co que quedan con 23 pacientes nestas unidades.

A mesma liña segue a área pontevedresa, que tamén se estabiliza con cinco hospitalizados en críticos, pero que conta con oito pacientes en planta (-2). Por último, a área de Ourense conta con 20 pacientes en unidades convencionais (sen cambios) e seis en UCI (-3).

Varias indicacións de obrigatoriedade de presentar certificados antes de acceder ao interior, nunha marisquería da Rua do Franco, en Santiago.. César Arxina - Europa Press
Varias indicacións de obrigatoriedade de presentar certificados antes de acceder ao interior, nunha marisquería da Rua do Franco, en Santiago.. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta