Galicia avanza cara o final da vacinación con outras 30.000 persoas inmunizadas

O 75% dos galegos conta xa coa pauta completa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2021 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

Sanidade avanza no proceso de inmunización contra a Covid-19 da poboación, posto que nas últimas horas 30.875 persoas completaron a pauta contra o coronavirus. Así, a poboación inmunizada ascende a 2.040.000 persoas, o que supón o 83,11% da poboación diana e o 75,5% da xeral.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ratificou e ampliou os datos de vacinación para a Comunidade galega este mércores na rolda de prensa posterior á reunión do comité clínico que asesora á Xunta en materia covid, e que tivo lugar este martes.

Actualmente hai 160.814 menores de 19 anos que xa recibiron unha dose da vacina, preto do 85%, un dato "francamente bo" para o titular de Sanidade, e "que coloca a Galicia como a Comunidade con máis vacinados" neste grupo etario. Desta franxa, Comesaña remarcou que, nas últimas 24 horas, 6.000 nenos recibiron a primeira picada.

Ademais, outros 181.368 mozos de entre 20 e 29 anos de idade tamén teñen polo menos unha dose, o que representa o 77,5%, e unha cifra que a Consellería espera "incrementar" coas autocitas do venres 3 de setembro. No que respecta á franxa de entre 30 e 39 anos, 256.541 persoas contan cunha picada, como mínimo. Por outra banda, os maiores de 40 anos inmunizados, segundo informou Comesaña, ascenden a 1.645.871 persoas, o 95,7% da poboación diana.

En total, 2.244.594 galegos recibiron polo menos unha dose da vacina contra a covid, o que representa un 83,1% da poboación xeral e un 91,2% da diana. A este respecto, Comesaña sinalou que Galicia presenta 15 puntos máis de inmunización que a media española. Deste xeito, Galicia administrou un total de 4.093.105 dose da vacina (33.455 nas últimas horas), o que supón o 97,6 % das doses recibidas.

AUTOCITAS PARA MAIORES DE 20

Por outra banda, o conselleiro de Sanidade animou á poboación maior de 20 anos a solicitar as autocitas para esta franxa de idade libres para o venres 3 de setembro. Ademais, sinalou que se cubriu o 50% dos ocos, dispoñibles desde o pasado venres ás 15,00 horas.

Dado o ritmo "lento" ao que se están pedindo as citas en comparación a outras ocasións, e preguntado pola posibilidade de implementar "outros sistemas", Comesaña recoñeceu que "non se descarta nada; se hai que recorrer a outros sistemas, recorrerase", pero, en todo caso, esperarán a pechar o sistema de autocitas, momento no que "analizarán" a situación.

O conselleiro tamén apuntou que Sanidade xa traballa para iniciar o proceso de vacinación naquelas persoas que pasasen a covid, que serán citadas vía SMS, "reducindo así o período de seis meses que debían esperar para recibir a vacina".

O proceso de vacinación continúa tamén coa inmunización tanto daquelas embarazadas que, no seu momento, non consideraron vacinarse e agora deciden facelo, como das persoas en risco de exclusión. Deste colectivo, o titular de Sanidade informou de que inocularon a vacina a 200 persoas, para o que traballan con diferentes entidades do terceiro sector como Cáritas ou Cruz Vermella e centros de drogodependencia.

PROTOCOLO EDUCATIVO PARA MENORES DE 12 ANOS

Respecto ao protocolo de educación para os menores de 12 anos -non susceptibles, de momento, de recibir a vacina--, o conselleiro sinalou que se manterán as medidas sanitarias que se estableceron para o curso anterior, que "deron bos resultados", xa que "a pesar de estar vacinado a súa contorna e os docentes, eles non o están".

Comesaña remarcou que non temen unha onda específica neste sector, "aínda que non se descarte", polo que continuarán "pendentes" e reforzarán os "mecanismos de alerta".

Un mozo mostra o seu brazo tras ser vacinado contra o Covid-19 no complexo de Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, en xullo de 2021.. César Arxina - Europa Press
Un mozo mostra o seu brazo tras ser vacinado contra o Covid-19 no complexo de Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, en xullo de 2021.. César Arxina - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta