Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2021 | Actualizada ás 15:27
O Teatro Principal de Pontevedra acollerá do 7 ao 11 de setembro o ciclo de cinema euroárabe 'Amal en Ruta', un resumo da última edición da Semana de Cinema Euroárabe Amal celebrada en Santiago de Compostela o pasado mes de outubro.
A concelleira de Cultura, Carmen Fouces e o presidente da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez, presentaron esta actividade que persegue o obxectivo de achegar a sociedade árabe a Galicia, rompendo cos estereotipos e ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta cultura tan heteroxénea.
A sexta edición deste ciclo consta de tres ficcións e dous documentais que se exhibirán en versión orixinal subtitulados en castelán. Carmen Fouces resaltou que "Amal en Ruta é unha das citas que abre a programación cultural de outono na cidade". A edil de Cultura destacou a "magnífica calidade" das películas elixidas "que convidan á reflexión e contan cunha temática que está de rabiosa actualidade, aínda que poderiamos dicir que sempre o está".
Nesta edición, o público poderá ver o ciclo de forma gratuíta, pero con aforamento limitado ata completar a sala do Teatro Principal. Non haberá butacas previas asignadas, se non que o persoal da sala asignará asente segundo a orde de chegada.
A programación arrinca o martes día 7 coa película 'Adam', que relata a historia de superación dunha muller na que se aprecia como a comunidade serve de escudo protector. Ao día seguinte será a quenda de 'For Sama', o diario dunha moza siria que dá a luz entre o horror da guerra, e o xoves día 9 está programada 'It must be heaven, cinta palestina dirixida por Elia Suleiman.
O documental 'Gaza' exhibirase o venres 10 e 'Tel Aviv on Fire' será o sábado 11, metaficción sobre o conflito árabe israelí.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.