Paralización das obras da Estación de Autobuses de Pontevedra por falta de material

O alcalde de Pontevedra restoulle importancia a esta demora e destacou que "o importante" é que as administracións cheguen a acordos para facer proxectos, como ocorreu neste caso.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2021 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

A falta de materias primas, unha crise de carácter internacional, obrigou a paralizar as obras de reforma da Estación de Autobuses de Pontevedra xusto o día no que entrou en funcionamento o novo acceso a este recinto desde a avenida de Josefina Arruti.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asistiu este mércores á posta en servizo deste novo viario, nun acto no que estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta, Luís López; o director xeral de Mobilidade, Ignacio Mestre; e os concelleiros César Mosquera e Demetrio Gómez.

Na súa intervención, Ethel Vázquez destacou o novo acceso á estación de autobuses como a "peza clave da intermodal de Pontevedra" e avanzou que o próximo outubro estará concluído o novo espazo público, "de gran valor ambiental", ao redor do río Gafos.

Con todo, no mellor dos casos, á reforma interior do edificio aínda lle faltarían dous meses de obras unha vez que se poida retomar o traballo. O alcalde de Pontevedra restoulle importancia a esta demora e destacou que "o importante" é que as administracións cheguen a acordos para facer proxectos, como ocorreu neste caso.

Vázquez Mourelle incidiu en que a posta en servizo do acceso desde a avenida de Josefina Arruti libera o tránsito de autobuses de cálea Estación e mellora o itinerario peonil de conexión coa estación de tren.

Este acceso contribúe a xerar unha gran praza na entrada da estación, na que se reordenan os aparcadoiros e desde a que se accede á terminal de Renfe. Ademais, esta apertura permite liberar os marcos do encanamento do río Gafos e destapalo, gañando un espazo público de valor ambiental para a cidade.

GRAN MONTECELO

No acto, Ethel Vázquez aclarou que a falta de materias primas non está a afectar ás obras de construción do hospital Gran Montecelo.

A conselleira detallou que esta obra inicia este mes os traballos de cimentación e que tamén haberá algunhas voaduras de roca atopada no terreo. Ademais, haberá que desviar unha condución de gas que atravesa o terreo da obra. Segundo confirmou a conselleira, a actuación avanza sen contratempos e nos prazos establecidos.

Recreación da futura estación de Pontevedra
Recreación da futura estación de Pontevedra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta