Hostalaría Compostela valora as cifras do verán, pero advirte que "un mes bo non arranxa ano e medio de perdas"

Entre as propostas da asociación está que se prime a distancia entre mesas en lugar de aforamentos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2021 | Actualizada ás 19:39

Comparte esta noticia

A Asociación Hostelaría Compostela destacou os resultados turísticos do mes de agosto, que atribúe á afluencia de visitantes do territorio nacional e da propia comunidade e que permitiu á cidade a moverse en cifras prepandémicas. "Pero un bo mes bo non arranxa ano e medio de perdas", advertiu Thor Rodríguez, presidente da asociación, que se reuniu este mércores coas deputadas socialistas Leticia Gallego e Noa Díaz na Cámara galega.

En concreto, insistiu en que os establecementos sobreviviron á época máis dura da pandemia exercendo "un gran esforzo" durante moito tempo e que agora encaran un final de ano "de moita incerteza".

Por iso, instou a seguir traballando en políticas que permitan desestacionalizar e ordenar o turismo en Galicia, do mesmo xeito que trasladou unha serie de medidas e propostas para mellorar a situación dos negocios neste contexto. "Coa porcentaxe de vacinados que temos hoxe en Santiago e que supera amplamente o 70% é necesario cambiar o modelo, con menos restricións, aínda que se siga primando obviamente a seguridade dos clientes", sinalou.

Entre as súas propostas inclúense que se establezan restricións por usos e non por licenzas, que as terrazas poidan usarse ao 100% de capacidade ou que se prime a distancia entre mesas en lugar de aforamentos.

Pola súa banda, o grupo socialista rexistrou unha serie de iniciativas para reclamar á Xunta axudas directas para o sector a curto e a longo prazo, ao atoparse "nunha situación límite" debido aos "evidentes efectos da redución de aforamentos e horarios", a contención do gasto das familias e o medo ao contacto social. É por iso que reclaman un plan de reactivación á Xunta e que manteña un encontro con todo o sector hostaleiro, para incluír as súas achegas.

Hostalaría Compostela reúnese co grupo socialista. HOSTALARÍA COMPOSTELA
Hostalaría Compostela reúnese co grupo socialista. HOSTALARÍA COMPOSTELA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta