Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2021 | Actualizada ás 21:00
Unha semana despois de que foran inaugurados, Pontevedra estrea os novos campos de petanca do barrio do Burgo. A superficie, acondiciona polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e Deportes no novo parque da zona acollerán un campionato deste deporte que suma cada vez máis afeccionados na cidade do Lérez.
Un total de nove equipos competirán este sábado 4 de setembro nos terreos situados entre a rúa Fernández e a avenida de Compostela para ver quen se fai coa vitoria na terceira edición da Copa Concello de Pontevedra de Petanca. De acordo co tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, "o torneo desenvolverase ao longo de toda a xornada, disputándose a partir das 10:00 horas os encontros polos postos do 5º ao 9º e, xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, as finais polos postos do 1º ao 4º".
Para o edil, "supón unha enorme satisfación que, apenas uns días despois da súa apertura oficial ao público, este parque, no que o Concello investiu 43.000 euros, se convirta naquilo para o que foi deseñado: espazo de encontro, práctica deportiva e vida social para a veciñanza pontevedresa. A paixón pola petanca segue a crecer no noso municipio”, asevera.
Os equipos que tomarán parte nesta III Copa Concello de Pontevedra son O Pote (Mourente), O Mirador (Monte Porreiro), O Carballo (Mourente), San Andrés de Xeve, Centro Social (Pontevedra), Salcedo Norte, San Martiño (Salcedo), Verducido e Petanca Marín. O acto de entrega de trofeos do torneo, que terá lugar o sábado ás 19:30, cando remate a fase final. Nel outorgaranse galardóns para os catro primeiros clasificados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.