A Xunta atopa mecanismos legais para multar á CHMS polo baleirado de varias presas

Incoa expedientes a varias empresas concesionarias e á propia Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pola afectación á fauna piscícola, pero non por non avisar con antelación, como mantiña ata o momento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2021 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda incoou un expediente sancionador ás empresas concesionarias que executaron o baleirado de catro encoros --Cenza, As Portas, Salas e Belesar-- nas provincias de Ourense e Lugo, todos competencia da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS). Uns expedientes que non son por non comunicar eses baleirados, como mantiña ata agora, senón por afectar posibles efectos á fauna piscícola.

Concretamente, o departamento da Xunta impuxo a estas entidades a sanción máxima prevista na lei por cada un dos encoros nos que se efectuaron baleirados "susceptibles de afectar á fauna piscícola", tendo en conta ademais que realizaron o desaugadoiro "sen que o servizo provincial correspondente puidese fixar as medidas preventivas oportunas" e, por tanto, "sen o pronunciamento da Administración autonómica".

Esta incoación chega tras outra producida este venres, nese caso á propia Confederación Hidrográfica Miño-Sil "pola súa responsabilidade no baleirado dalgúns dos encoros hidroeléctricos máis importantes desta conca", informa.

A Consellería de Medio Ambiente explicou que, como organismo competente en materia de protección da riqueza piscícola en Galicia, adoptou esta decisión "ante a constatación de que a CHMS, máxima autoridade respecto ás actuacións hidráulicas que se executan na conca do Miño-Sil, obviou a súa responsabilidade ao non trasladar á Consellería a petición da autorización necesaria para protexer á poboación ictícola ante un posible baleirado".

En concreto, "non notificou formalmente en ningún momento á Xunta, a pesar de estar legalmente obrigada a facelo, a intención das empresas --eléctricas-- de proceder ao baleirado dalgúns dos encoros que xestionan".

Con todo, a CHMS, organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) afirma que "as comunicacións do descenso superior ao 80% de volume en Cenza e As Portas producíronse o 10 de xuño e o 12 de xullo, respectivamente, cumprindo a normativa autonómica de pesca fluvial".

"Estamos sorprendidos e indignados de que unha administración, que se presupón seria, amenta e manipule acerca da comunicación do baleirado, por baixo do 20%, dos encoros das Portas e Cenza", lamentou a CHMS.

"NOTIFICACIÓN CUN MES DE ANTELACIÓN"

Así as cousas, o departamento da Xunta amparouse no artigo 83 do regulamento autonómico de pesca fluvial para incoar a sanción ás concesionarias, "pola falta da autorización necesaria para protexer á poboación ictícola ante un posible baleirado".

"É necesario lembrar que lle corresponde ao organismo competente en aproveitamentos hidráulicos en cada demarcación, neste caso á Confederación, notificarlle á Consellería que se quere efectuar un baleirado nunha presa para que este informe sobre as medidas que se deben adoptar previamente, co fin de garantir que a súa execución non prexudicará ás poboacións existentes nesa masa de auga", sinalou a Consellería nun comunicado.

Ademais, o mencionado artigo remarca como "condición esencial" para o baleirado que a concesionaria comunique a acción "cunha antelación mínima dun mes ao órgano competente", algo que "tampouco cumpriron as entidades".

É por isto que a Consellería asegurou que, "en contra do procedemento legalmente establecido e coñecido tanto polas concesionarias como pola CHMS", este verán alterouse o nivel da auga nalgúns dos principais encoros hidroeléctricos do Miño-Sil, "sen que a Confederación Hidrográfica notificáseo antes á Consellería de Medio Ambiente nin, polo menos, esperar a que se pronunciase".

Por último, a Consellería recalcou que o obxectivo destes expedientes é "depurar responsabilidades" polo baleirado dos encoros, "uns feitos non imputables de ningún xeito á acción do Goberno galego".

O encoro de Belesar, a 22 de agosto de 2021, en Lugo. Carlos Castro - Europa Press
O encoro de Belesar, a 22 de agosto de 2021, en Lugo. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta