Peóns e motoristas concentran a metade dos falecidos nas estradas galegas este verán

Houbo un total de dez vítimas mortais, cinco delas usuarias de turismo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2021 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

A metade das dez vítimas mortais na estrada galegas este verán foron motoristas e peóns, catalogados como usuarios vulnerables, segundo informou a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, na presentación do balance de accidentalidade, xunto á coordinadora da DGT en Galicia, Vitoria Gómez.

En rolda de prensa, explicou que tres das persoas falecidas eran peóns e dous motoristas, mentres que as outras cinco vítimas eran usuarias de turismo.

O balance de xullo e agosto sáldase con sete persoas falecidas menos que nos veráns dos dous últimos anos. Por provincia, A Coruña tivo seis (+2), Pontevedra tres (-6), Ourense unha (-1) e en Lugo ningunha (-1). O 90% perderon a vida en estradas convencionais.

Por franxas de idade, case a metade, o 40%, tiña menos de 44 anos. Dous entre 15 e 24 anos, dous entre 25 e 34 anos, unha entre 35 e 44 anos, dous entre 45 e 54 anos, unha entre 55 e 64 anos e outras dúas de máis de 65 anos.

No mes de xullo diminuíron as vítimas en dez respecto de 2020, con catro falecidos. Pola súa banda en agosto aumentaron en tres máis respecto ao ano anterior, con seis falecidos. O balance global sáldase con sete vítimas menos, sendo o mellor da última década, cun descenso do 42% respecto ao ano anterior, que ademais tivera un descenso da mobilidade pola pandemia.

CAMPAÑAS

A pesar destes datos, a subdelegada sinalou a necesidade de manter unha política de "tolerancia cero". María Rivas incidiu en "extremar as precaucións e en facer un chamamento á condución responsable". Nesta liña lembrou que a DGT e a Garda Civil de Tráfico manterán os seus esforzos ao longo do ano, con campañas de concienciación e control xa que de feito a próxima semana desenvolverase unha para advertir sobre as distraccións ao volante, como o uso do móbil ou dos navegadores.

CONSUMO DE ALCOL E DROGAS

Outra das preocupacións que sinalou a subdelegada son o consumo de alcol e drogas na condución. Durante este verán detectáronse a 3.159 persoas que superaron os límites, sendo o dobre que en 2020, que se detectaron 1.551.

O aumento destes casos está relacionado co aumento dos controis, pero sinalan esta tendencia á alza como "preocupante". Respecto dos excesos de velocidade a Garda Civil impuxo 35.864 sancións en xullo e agosto.

Á presentación do balance de accidentalidade de verán, asistiron tamén o comandante Leogivildo Villares, da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, e o director do Centro de Xestión de Tráfico, Ramiro Martínez.

A subdelegada do Goberno, María Rivas, xunto a responsables de tráfico, presentan o balance de accidentes este verán. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA
A subdelegada do Goberno, María Rivas, xunto a responsables de tráfico, presentan o balance de accidentes este verán. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta