Caballero critica que a Xunta despida a case mil profesores de reforzo a pesar de contar con fondos extraordinarios

O secretario xeral do PSdeG rexeita que o Goberno galego non estableza un sistema de libros de texto gratuítos nin a gratuidade das primeiras matrículas universitarias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2021 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou este luns que a Xunta de "non manteña o profesorado de reforzo" e queira "despedir por centos a profesores" a pesar de contar con fondos extraordinarios. "Se a Xunta de Galicia ten fondos extraordinarios, por que Feijóo se nega a manter ao profesorado de reforzo e quere despedir por centos a profesores?", preguntouse Gonzalo Caballero nunha rolda de prensa ofrecida este luns.

Sobre esta cuestión, lembrou que, "ao longo do curso, a Xunta trasladou que había 2.200 profesores de reforzo... Agora fala de 1.200, o que nos di é que vai empezar o curso despedindo a case 1.000 profesionais", censurou.

O secretario xeral do PSdeG tamén criticou que o máximo mandatario autonómico rexeite establecer un sistema de libros de texto gratuítos que permitiría a moitas familias empezar o curso con máis tranquilidade económica, así como a establecer a gratuidade das primeiras matrículas universitarias. "É algo que se pode facer e hai fondos para facelo", sostivo.

Gonzalo Caballero pronunciouse deste xeito nunha rolda de prensa na que sinalou que o curso político que arrinca debe ser o da "reactivación" que, na súa opinión, debe virar ao redor de tres grandes eixos.

Deste xeito e despois de que a fin de semana propuxese alcanzar no novo período político "tres grandes pactos de país" polos servizos públicos, a modernización da economía e o municipalismo, asegurou que os socialistas traducirán estas propostas en iniciativas na Cámara galega para relanzar a Galicia "fronte á inercia na que o PP a quere deixar".

"Imos traer ao parlamento as preocupacións dos galegos", incidiu tras citar a sanidade, unha modernización da economía que se traduza en creación de emprego, así como un novo marco constitucional que "poña aos galegos no centro das políticas públicas".

Para iso, dixo que os socialistas "terán a man" e ofrecerán propostas fronte a un Partido Popular que dá "grandes titulares" pero non respostas. "E iso viuse na educación", considerou Gonzalo Caballero, que sinalou que "é o momento de reforzar a educación pública" e de adoptar medidas "para acompañar ás familias con dificultades para facer fronte ao comezo do curso", apuntou.

A este respecto, subliñou que este ano a Xunta recibirá máis de "1.100 millóns de euros". "De aquí a novembro, recibirá un total de 828 millóns, Galicia é a quinta comunidade que máis recibe para fortalecer a sanidade pública, a educación pública e os servizos sociais. Cando Feijóo ten fondos, ten que fortalecer os servizos", subliñou.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara galega. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara galega. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta