Ana Pontón fala dunha "gran ofensiva política" para defender os intereses de Galicia en todas as institucións

Pontón avanzou un decálogo de prioridades, dentro da axenda 21-24, que será remitido a todas as institucións con medidas para a recuperación económica, reforzo da sanidade e a educación pública, a defensa dos sectores produtivos, unha axenda verde e fortalecer o autogoberno e as alternativas fronte á "estafa da luz".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2021 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou unha "gran ofensiva política" para facer valer os intereses de Galicia en todas as institucións, con iniciativas no Parlamento europeo, no Congreso dos Deputados e a Cámara galega.

Así o anunciou este luns a líder dos nacionalistas galegos en Vigo, onde a formación frontista mantivo unha reunión da súa interparlamentaria, na que participou a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda; así como o parlamentario no Congreso, Néstor Rego.

Pontón avanzou un decálogo de prioridades, dentro da axenda 21-24, que será remitido a todas as institucións con medidas para a recuperación económica, reforzo da sanidade e a educación pública, a defensa dos sectores produtivos, unha axenda verde e fortalecer o autogoberno e as alternativas fronte á "estafa da luz".

Ante os medios de comunicación, Pontón trasladou as liñas de traballo prioritarias no Parlamento galego, estatal e europea fronte ao papel das forzas estatais, ás que acusou de compartir unha "visión centralista e un papel subordinado de Galicia".

Unha ofensiva "sincronizada" tras os ensinos da crise. Para o BNG, recalcou, a prioridade é fortalecer os servizos públicos e a reversión das reformas regresivas aprobadas polo PP en materia de dereitos laborais e democráticos.

Pontón incidiu na necesidade de cambiar as "vellas políticas" e iniciar "unha nova senda con alternativas que permitan a recuperación económica" e, para iso, asegurou que é importante que Galicia reciba ata o último euro que lle corresponde dos fondos Next Genaration, ao que sumou un novo modelo de financiamento e uns orzamentos que non discriminen a Galicia. Nesta liña, tendeu a man ao PSOE e Podemos de face a uns orzamentos "xustos" cos galegos.

"Ante a pasividade de Feijóo", destacou que o BNG inicia o curso político con alternativas para a recuperación económica e será o "altofalante" das demandas da sanidade pública, a educación e contra "o boom eólico" depredador.

TARIFA ELÉCTRICA

Esta ofensiva "sincronizada" no tres parlamentos, segundo indicou, vai encamiñada a defender os dereitos sociais e os servizos públicos, así como medidas reais contra "a estafa da luz", entre as que volveu a destacar unha "tarifa eléctrica galega" para cuxa creación o BNG defenderá no Parlamento galego, unha proposición de lei.

A este respecto, concretou que levará ao próximo pleno unha iniciativa a través da que concretará esta proposta para rebaixar un 25% as peaxes que soportan os galegos na factura da luz. "Unha medida que si abarataría o prezo e que significaría unha compensación polos custos ambientais que os galegos levamos soportando durante décadas", dixo.

Pontón engadiu que o traballo político do BNG no curso que empeza impulsará o fortalecemento do autogoberno, políticas feministas, a defensa dos sectores produtivos, infraestruturas, vivenda, unha axenda verde e o apoio á lingua e a cultura galegas.

Ademais, os nacionalistas galegos seguirán reclamando destinar 200 millóns de euros a reforzar a sanidade pública e reducir as listas de espera, demandar "ata o último euro" que lle corresponde a Galicia nos fondos europeos para o que é necesario, indicou crear unha comisión bilateral entre a Xunta e o Estado.

"Urxe pór en marcha novas políticas e hoxe", dixo, "eliximos a cidade de Vigo para celebrar a reunión interparlamentaria para que no futuro de Galicia Vigo sexa un pulmón industrial" e, para iso, "é necesario compromiso político fronte á desatención dos intereses desta cidade por parte do Goberno galego e central".

Reunión da interparlamentaria do BNG en Vigo. BNG
Reunión da interparlamentaria do BNG en Vigo. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Non sei como se atreven a elixir Vigo para este aquelarre. Teñen na Deputación de Pontevedra á feminista de salón con residencia en Toralla grazas aos votos do BNG. Aínda ninguén levou ao xulgado de garda os Plenos a Porta Pechada de Abel Caballero logo de 18 meses e da aprobación inicial do PXOM (tamén a porta pechada!) En canto aos programas de reconstrucción de Galicia non dixeron nin pío desta proposta... https://i.gal/gam25 A última vez que viñeron a Vigo crearon En Marea e logho a Mataron entre Todas !!!