Dakidarría, Mounqup ou Guadi Galego actuarán na nova edición do Festival Revenidas de Vilagarcía

O evento contará con 15 actuacións entre este venres e o domingo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2021 | Actualizada ás 20:50

Comparte esta noticia

O Festival Revenidas regresa este ano ao porto de Vilaxoán, no concello de Vilagarcía de Arousa, e cun cartel que incluirá ata 15 actuacións entre do 9 ao 12 de setembro, como Dakidarría, Guadi Galego ou Mounquip, ademais de actividades paralelas. Esta edición repetirá un formato adaptado con medidas ante a situación sanitaria.

O evento foi presentado este luns no Fogar do Pescador de Vilaxóan coa presenza, entre outros, do director de Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, ou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Contará cun escenario 'Xacobeo 21-22', polo que pasarán Os Rastreadores, Tanxugueiras, Verto, Laura Lamontagne & Picoamperio, Cidade Xara, Os Chikos do Maíz, A Rabela, Talko Maskerade, Boyanka Kostova, Monoulious Dop, Zoo ou Mounqup.

O cartel nas sesións vermú do fin de semana contará coa Banda da Loba, Guadi Galego e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, e tamén se recuperan os concertos a bordo da embarcación tradicional O Chasula, con Pauliña, Dakidarría e Xiana Andrea, da Banda da Loba, Jásper e Nébeda, Sofía Espiñeira e Leo e Arremecaghoná. Xoán Quintáns, director do festival, incidiu en que Revenidas "volve adaptado, tentando manter a súa esencia", e agradeceu o apoio institucional para patrocinar esta cita.

Jacobo Sutil destacou que o festival segue sendo referente na súa aposta pola música en galego en combinación con referentes da escena musical estatal e valorou patrocinio realizado pola Xunta a través da marca FEST Galicia.

Silva, pola súa banda, agradeceu os esforzos da organización do festival para tentar sacalo adiante este ano, un sector que "sufriu moito" e que mostrou "que a sociedade ten unha enorme capacidade para crear cultura". Así mesmo, valorou o compromiso da organización coa igualdade, aínda que considerou que queda moito traballo por facer nese sentido.

Presentación do Festival Revenidas de Vilagarcía de Arousa. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Presentación do Festival Revenidas de Vilagarcía de Arousa. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta