Feijóo responderá sobre sanidade no próximo pleno, no que comparecerá o conselleiro de Educación

TAmén se abordará a polémica sobre o baleirado de encoros por parte de empresas hidroeléctricas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2021 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, responderá no primeiro pleno do nuevvo período de sesións da Cámara galega ás preguntas dos líderes da oposición, Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG), sobre a situación da sanidade galega e os tempos de "espera" na Atención Primaria.

Na sesión, que terá lugar os próximos días 14 e 15 de setembro, comparecerá o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, para analizar o inicio do novo curso 2021-2021 e as actuacións adoptadas fronte á covid. A intervención prodúcese a proposta do propio Executivo autonómico e tamén a petición do Bloque Nacionalista Galego, tal e como sinalaron os grupos na rolda de prensa posterior á xunta de portavoces.

No que será o primeiro pleno da Cámara tras o período estival, os nacionalistas defenderán unha proposición de lei a través da que proporán unha batería de medidas para abaratar o prezo da factura da luz e garantir o acceso dos cidadáns a este ben. Así, entre outras cuestións, exporán que as comunidades autónomas participen na súa regulación, cambiar o sistema actual de 'pool', potenciar a produción de renovables e establecer unha tarifa eléctrica galega que compense aos territorios excedentarios.

BALEIRADO DE ENCOROS

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, detallou que a súa formación preguntará á Xunta pola polémica xurdida por mor de coñecerse o baleirado de encoros por parte das empresas hidroeléctricas, un asunto que abordarán tanto os socialistas como os populares a través de senllas iniciativas.

Ademais, Rodil sinalou que, na sesión de control, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, interpelará ao presidente da Xunta sobre as medidas que prevé adoptar para "reforzar a Atención Primaria" nun contexto no que hai "listas de espera" para ser atendido polo médico de cabeceira.

Este asunto tamén será abordado, segundo avanzou o viceportavoz parlamentario do PSdeG, Pablo Arangüena, polo xefe de filas dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, na súa pregunta a Feijóo. Con todo, ademais do "incremento das listas de espera", o socialista tamén lle preguntará a Feijóo pola reactivación tras a pandemia e o rexeitamento da xustiza ao certificado covid implantado polo seu Goberno para acceder á hostalaría.

Precisamente, o rexeitamento por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a esta medida que fora implantada pola Xunta tamén será tratado na Cámara tanto polo BNG como o PSdeG a través de senllas preguntas ao Goberno galego.

Todo iso nun pleno no que o Partido Socialista de Galicia introduce outros asuntos a través dunha proposición non de lei na que esixirá impulsar un novo modelo de servizos xeriátricos, así como mediante unha moción relativa ás candidaturas galegas a recibir o recoñecemento como patrimonio por parte da Unesco.

INICIATIVAS DO PPDEG

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, avanzou que os populares galegos defenderán unha proposición non de lei para abordar a "falta de médicos" en Atención Primaria e esixir ao Goberno unha convocatoria de prazas MIR extraordinaria e que habilite os centros de saúde necesarios como acreditados para dar formación a estes especialistas.

Ademais, a través doutra proposición non de lei, o PPdeG reclamará que o Executivo estatal adopte medidas estruturais que afecten o prezo da enerxía. Así, pide que utilice a normativa europea para adaptala aos consumidores vulnerables e ás empresas que utilizan a enerxía de forma intensa para que poidan ser competitivas con relación ao conxunto de Europa.

Os populares galegos tamén preguntarán á Xunta sobre o impacto da Lei galega de garantías sanitarias desde a súa entrada en vigor, así como polas actividades desenvolvidas para favorecer a conciliación, como os campamentos de verán.

Reunión da xunta de portavoces da Cámara galega para marcar a orde do día do próximo pleno, que terá lugar os días 14 e 15 de setembro. PARLAMENTO DE GALICIA
Reunión da xunta de portavoces da Cámara galega para marcar a orde do día do próximo pleno, que terá lugar os días 14 e 15 de setembro. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta