Medio Rural informa que os lumes en Ribas de Sil están estabilizados

A Situación 2 quedou desactivada por non haber perigo para os núcleos de poboación. Por outra parte, o lume no concello de Chandrexa de Queixa permanece controlado.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/09/2021 | Actualizada ás 20:02

Comparte esta noticia

Os datos sobre a situación dos lumes forestais foronn recollidos por Medio Rural  ata as 19,30 h. de hoxe. Así, o incendio no concello de Ribas de Sil quedou estabilizado ás 16,26 h. Este lume tamén afecta aos municipios de Quiroga e da Pobra do Brollón. A superficie rolda as 1.450 hectáreas, segundo as últimas estimacións.

Chuvia miúda caeu na zona onde ten lugar o gran lume de Ribas de Sil
Chuvia miúda caeu na zona onde ten lugar o gran lume de Ribas de Sil | Fonte: remitida

Ademais, xa foi desactivada a Situación 2 ao non haber perigo para núcleos de poboación. Ata o momento mobilizáronse para controlalo 13 técnicos, 30 axentes, 87 brigadas, 40 motobombas, 5 pas, 8 avións e 14 helicópteros. Tamén participaron nos labores de extinción persoal e medios da Unidade Militar de Emerxencias (UME). 

Tamén quedou estabilizado ás 16,26 h. o lume iniciado ás 21,42 h. do domingo neste mesmo concello, parroquia de Nogueira. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de arredor de 140 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 6 técnicos, 17 axentes, 35 brigadas, 27 motobombas, 5 pas, 7 avións e 6 helicópteros.

En canto ao lume no concello de Chandrexa de Queixa tamén está controlado desde as 12,33 h. deste martes. Segundo as últimas estimacións o incendio deixa afectada unha superficie de arredor de 50 hectáreas. No seu control levan participado 1 técnico, 13 axentes, 34 brigadas, 21 motobombas, 2 pas, 1 helicóptero e 2 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
Saúdos do Gabinete de Comunicación da Consellería do Medio Rural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta